A partir do vindeiro luns, 18 de setembro, a rúa da Pastoriza quedará pechada ao tráfico durante aproximadamente tres meses debido á execución das obras de urbanización e de adecuación das infraestruturas urbanas da vía. O obxectivo desta intervención é a mellora da mobilidade e accesibilidade do barrio da Almáciga na súa vertente oeste e nas súas zonas altas, según informa o Concello de Santiago. En concreto, esta fase centrarase nesta arteria principal que se estende desde San Roque ata a praza da Paz, xa en Salgueiriños, e que conecta o barrio co resto da cidade.
Durante os tres meses estimados de duración dos traballos, os vehículos serán desviados cara ás rúas Xoán XXIII e Coímbra.
Tamén os vindeiros 18, 21 e 22 de setembro, as rúas Viena, Xeneral Pardiñas, Doutor Teixeiro, Restollal e Os Loureiros sufrirán restricións na circulación por mor da rodaxe da serie «El caso Asunta». O luns haberá un corte total de tráfico na rúa Viena, dende as 08:30 horas ata as 19:00 horas con desvío dos vehículos. Non afectará ao transporte urbano. O xoves, cortes intermitentes de tráfico (5 a 10 minutos) na rúa do Restollal, sentido centro da cidade, para a gravación do percorrido cun vehículo «CAMARA CAR», dende as 15:00 horas ata as 17:00 horas; cortes intermitentes de tráfico (3 a 5 minutos) na rúa Doutor Teixeiro (no cruzamento coa rúa da República de El Salvador), dende as 16:00 horas ata as 19:00 horas e das 21:00 horas ata as 23:30 horas; e cortes intermitentes de tráfico (3 a 5 minutos) na rúa Xeneral Pardiñas (no cruzamento coa República de El Salvador), dende as 11:00 horas ata as 01:00 horas.
O venres 22, cortes intermitentes de tráfico (3 a 5 minutos) na rúa dos Loureiros, dende as 11:00 horas ata as 01:00 horas.
Ademáis, o paso dos vehículos baixo as rotondas superiores da avenida Gonzalo Torrente Ballester con avenida Lugo e da avenida Gonzalo Torrente Ballester con rúa Roma quedarán pechadas ao tráfico entre o 18 e o 22 de setembro en horario nocturno para labores de limpeza e repintado do petril da SC-20. Dous días cortarase o sentido cara a Santiago, e outros dous cara o Polígono do Tambre.