Un ano máis, e van xa unha ducia, Compostela celebrou na súa Alameda a diversidade cultural dos pobos que a enriquecen e a integran. Nun contexto tan complexo coma o actual, coa crise humanitaria en Ceuta, non defraudou o pobo picheleiro, do que todas as formacións con representación no Pazo de Raxoi reivindican que é acolledor.
Este ano, na XII edición do Festival Intercultural Compostela Convive leron o manifesto Elhadj Mamadou Barry de Guiné Conakry e Andrea Correa de Colombia e houbo representación do Sáhara Occidental e de Palestina, e xunto a eles, organizacións humanitarias «que acompañan, defenden e ofrecen apoio e protección a todos aqueles que se enfrontan a barreiras debido á súa orixe», nun tempo no que a desinformación tamén pon en dúbida estas organizacións.
Gastronomía e música foron o principal este domingo na Alameda compostelá. Un evento ao que non puido asistir a concelleira de Servizos sociais, María Rozas, pero a quen fixo mención a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. «En primeiro lugar, quero enviar unha saúdo a María Rozas, que hoxe non puido estar, pero é ela quen depende precisamente da UAMI (Unidade de Atención ao Migrante)», dixo a rexedora. Sanmartín non quixo deixar de mencionar a outros membros da Corporación local, coma Mila Castro ou Mercedes Rosón (concelleiras Non Adscritas) ou Adrián Villa en representación do PP local.
A crise humanitaria de Ceuta
«Ninguén ten que renunciar á súa identidade», dixo Sanmartín e nesa liña tamén se desenvolveu o manifesto deste ano, pronunciado por Mamadou e Correa. «A crise non empezou en xullo», dixo Mamadou, «non é unha invasión e non imos a repetir os discursos de odio que falan diso, non lles imos a regalar un minuto».
«Non vimos a negar as emocións, o medo, nin a sinalar a quen o sente. Vimos para dicir que o medo non pode converterse na brúxula que decide quen merece vivir con dignidade e quen non». Mamadou e Correa pularon por evitar a deshumanización daqueles que cruzaron a fronteira de Ceuta, «profundamente racista, que converte a seres humanos en nunha masa anónima e ameazante». «Por máis lexítima que sexa a indignación», dicían no seu manifesto, «a agresión só profundiza a fractura, endurece a quen temos enfronte e acaba deslexitimando a causa que dicimos defender.
Andrea e Elhadj defenderon a través do manifesto que leron que «hoxe xa non basta con dicir que non somos racistas, hai que ser activamente antirracistas». Cuestionar as desigualdades por orixe ou cor da pel nas conversas cotiás, sinalar «prácticas en institucións que perpetúan» ese racismo, dicía Andrea Correa, e «comprometernos a desmontar o racismo estrutural. Porque o racismo non sempre berra, moitas veces cólase sen levantar a voz, no chiste sen mala intención, na defensa duns supostos valores tradicionais, fronte aos demais, na esaxeración das diferenzias culturais».
Fronte a quen quer «ver ameaza onde hai persoas» levantouse onte o festival intecultural da Alameda de Santiago. Un ano máis festa da diversidade, da integración e da convivencia, «tamén unha forma de resistencia».













