A regatista Alejandra Vicens, de Ribeira, segue sumando éxitos e recibiu os parabéns da alcaldesa, María Sampedro, e do concelleiro de Deportes, Álex Vidal, que quixeron recoñecer o seu labor e esforzo cunha recepción oficial no concello.
No que vai de 2026, Vicens sumou outros nove títulos ao seu palmarés deportivo: ouro no Campionato de España de Vaurien (As Pontes), bronce no Campionato Nacional Militar de Vela (Marín), clasificación para o Campionato do Mundo Militar e os Xogos Olímpicos Militares, segunda Palma Vela a bordo do TP52 AIFOS (Palma de Mallorca), ouro no Trofeo Conde de Godó a bordo do TP52 Hispania (Barcelona), bronce no Trofeo SM La Reina a bordo do TP52 Hispania (Valencia), primeira no Campionato do Mundo de Vaurien (Travemünde), prata na Copa do Rei a bordo do TP52 Hispania (Palma de Mallorca) e ouro na Copa de España de Vaurien (Barrios de Luna).
En anos anteriores acadou o ouro na Copa de Galicia de Optimist (Vigo, 2009), ouro no Campionato Galego de Optimist (Vilagarcía de Arousa, 2013), formou parte da Selección Galega de Vela (Centro Galego de Vela, Vilagarcía de Arousa, 2011-2014), participou na Copa e Campionatos de España de Optimist (2011-2014), foi primeira no ranking feminino galego de Optimist (2012, 2013 e 2014), e obtivo a prata na Copa de España de Snipe (Cádiz, 2022) e no Campionato do Mundo de Vaurien (Roma, 2025).
Carreira profesional no Exército
A ribeirense sempre estivo vencellada ao deporte, se ben, a nivel profesional decantouse por ingresar, con 18 anos, na Escola de Técnicas de Seguridade, Defensa e Apoio (Zaragoza) do Exército do Aire, de onde egresou como soldado especialista en Protección e Apoio á Forza.
Actualmente é a xefa da Oficina de Relacións Institucionais do Mando Conxunto do Ciberespazo do Estado Maior da Defensa. Ademais, é graduada en Enxeñaría Informática e técnica superior en Administración de Sistemas Informáticos en Rede e Sistemas de Telecomunicacións e Informáticos.














