A Deputación da Coruña vén de rematar dúas actuacións para poñer en valor a contorna do río Anllóns, en Cabana de Bergantiños e Ponteceso. Ambas obras están enmarcadas no plan enogastronómico provincial Os Fogóns do Anllóns e o seu obxectivo é potenciar o turismo sostible na comarca.
O vicepresidente provincial, Xosé Regueira, visitou os dous concellos, onde foi recibido polos seus alcaldes, José Muíño e José Manuel Mato, respectivamente, para supervisar o resultado das obras.
José Muíño, esquerda, e Xosé Regueira no novo miradoiro do Anllóns, en Cabana. / D. C.
En Cabana de Bergantiños, o proxecto centrouse na creación do novo miradoiro do Anllóns, situado no lugar de Sinde, na parroquia de Canduas. Esta nova infraestrutura abre unha ventá á riqueza ambiental da canle fluvial, poñendo a disposición da veciñanza e dos viaxeiros un espazo integrado na contorna e pensado para a contemplación da paisaxe.
De forma paralela, en Ponteceso procedeuse á recuperación ambiental e á mellora dos accesos peonís nunha das zonas de maior interese do estuario do Anllóns, facilitando que os visitantes poidan percorrer a ribeira de forma segura e respectuosa co ecosistema. A actuación dota Ponteceso dun recurso interpretativo relacionado directamente co miradoiro de Cabana.
Financiación con fondos europeos
Ambos proxectos foron financiados a través dos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (NextGenerationEU). O obxectivo principal desta estratexia é conectar a beleza paisaxística do estuario do Anllóns co potencial culinario e cultural da zona.
Xosé Regueira asegurou que «estes dous proxectos son unha mostra de como os fondos europeos poden transformarse en actuacións útiles para o territorio, poñendo en valor a paisaxe, o patrimonio natural e a identidade da comarca».
Turismo de natureza e gastronómico
O obxectivo dos Fogóns do Anllóns, engadiu, «é crear experiencias turísticas sostibles que contribúan a dinamizar a economía local, reforcen a oferta dos cinco concellos participantes e fagan do río Anllóns un dos grandes referentes do turismo de natureza e gastronómico. Estes espazos non son só lugares para contemplar a paisaxe, senón tamén unha invitación a descubrir o territorio, a súa gastronomía e o seu patrimonio desde unha perspectiva sostible e de calidade».
Subliñou ademais, que con estas dúas actuacións, «a comarca de Bergantiños conta con dúas novas ferramentas para competir no mercado turístico actual. A mellora das infraestruturas públicas na contorna do río Anllóns funciona como un elemento tractor que enriquecerá a oferta hostaleira e de lecer da zona, garantindo un impacto positivo a longo prazo na economía local».















