Galicia porá en marcha este mes de xullo un proxecto piloto de praias inclusivas en tres concellos da comunidade: Viveiro (Lugo), Porto do Son (A Coruña) e Baiona (Pontevedra). A iniciativa busca crear espazos para persoas con problemas de mobilidade, que lles permitan gozar do litoral galego en condicións de seguridade e confort.
A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, explicou en COPE Galicia que o proxecto foi acollido «moi ben» e naceu dunha iniciativa auspiciada pola Confederación galega de persoas con discapacidade (COGAMI).
Refuxios climáticos accesibles
As instalacións, bautizadas como «acubillos climáticos«, son estruturas sostibles de madeira que contan cunha zona de sombra e acceso adaptado para cadeiras de rodas. Estes espazos dispoñen de sinalización táctil e visual e están deseñados como zonas de descanso para garantir que calquera persoa poida gozar da praia.
Paula Uría destacou que a finalidade é «avanzar na creación de contornas adaptadas ás necesidades da cidadanía». Con esta medida búscase tamén promover a igualdade de oportunidades no uso do espazo público, especialmente durante as ondas de calor como a que acabamos de pasar.
Avanzar na creación de contornas climáticamente máis seguras, que tamén máis inclusivas, adaptadas ás necesidades da cidadanía»
Directora Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
Tres concellos galegos acollen o proxecto piloto de praias inclusivas este verán
Selección das praias
Foron os propios concellos os que elixiron as praias que mellor se adaptaban ao proxecto. A selección baseouse en criterios como a accesibilidade, a dispoñibilidade de servizos e o cumprimento de requisitos técnicos. As praias seleccionadas son a praia de Ladeira en Baiona, a do Cruceiro en Porto do Son e a praia de Area en Viveiro.
A construción dos refuxios xa está en marcha e a previsión é que estean instalados ao longo do mes de xullo, aínda que o prazo final dependerá das condicións climatolóxicas. Uría expresou o seu desexo de que a iniciativa teña unha boa acollida por parte da cidadanía e dos usuarios.
«Esperemos que este proxecto piloto, pois, teña unha continuidade, teña percorrido», sinalou a directora xeral. A Xunta confía en que, se os resultados son positivos, a medida poida estenderse a outras zonas do litoral galego en vindeiros veráns, seguindo o exemplo doutras comunidades autónomas.













