O Concello de Santiago introducirá por primeira vez o pagamento anticipado das bolsas de comedor escolar e actividades extraescolares co obxectivo de garantir liquidez ás entidades colaboradoras que xestionan estes servizos e evitar que teñan que adiantar fondos propios. A medida forma parte da convocatoria de axudas para o curso 2026-27 presentada este luns pola concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas.
Segundo explicou a tenenta de alcaldesa, realizaranse dous pagamentos anticipados: en setembro abonaranse as cantidades correspondentes ao período de setembro a decembro e, en xaneiro, as de xaneiro a abril. As mensualidades de maio e xuño pagaranse unha vez presentada e aprobada a certificación correspondente, co fin de regularizar o conxunto do curso escolar.
A convocatoria contará cun orzamento de 1.150.000 euros para bolsas de comedor escolar, material e actividades extraescolares, 50.000 euros máis que no curso anterior. María Rozas destacou que, desde o inicio do mandato, o Concello incrementou en 400.000 euros a partida destinada a estas axudas, que no curso 2014-2015 non chegaba aos 90.000 euros.
A concelleira subliñou que, ademais do reforzo orzamentario, o Goberno local foi introducindo melloras sucesivas nas convocatorias para facelas máis accesibles e útiles para as familias, entre elas o incremento das contías nalgunhas modalidades, a revisión dos criterios de renda e a simplificación dos procedementos de xustificación.
Prazo extraordinario de solicitude
Por primeira vez, a convocatoria introduce a posibilidade de que as familias con menores que se matriculen nun centro escolar de Santiago unha vez iniciado o curso escolar soliciten as bolsas fóra do prazo inicialmente establecido de dez días a partir da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia. Nestes casos, a solicitude deberase presentar no prazo de 10 días hábiles contados dende a data de formalización da matrícula no centro docente. Tal e como explicou María Rozas, “o obxectivo é darlle resposta a unha realidade cada vez máis frecuente, que é a da incorporación tardía de alumnado, na súa maioría de familias inmigrantes”.
Estas son as contías das bolsas
Por outra banda, no referente ás contías das bolsas, increméntase a axuda para a realización de actividades extraescolares. Así, abonarase ata un máximo de 35 euros mensuais por menor beneficiado, con independencia do número de actividades realizadas e das horas de asistencia ás mesmas. Ata o de agora, esta axuda era de 15 euros mensuais para actividades de unha hora ou un día á semana, e de ata 30 euros no caso de actividades de dúas horas ou dous días á semana.
En canto ás outras axudas, mantéñense nas contías de anos anteriores. As bolsas de comedor por escaseza de recursos cubrirán o 100% do gasto, ata 100 euros mensuais (180 euros mensuais no caso dos centros escolares de educación especial); as bolsas de comedor por razóns de conciliación serán de 45 euros mensuais; e as bolsas para a adquisición de material escolar quedan fixadas nun máximo de 100 euros nun pagamento único.
Ademais, modifícanse os requisitos específicos para acceder ás bolsas para a adquisición de material escolar e ás bolsas de comedor por razóns de conciliación, no que tén que ver cos criterios de renda. O límite máximo da renda familiar queda fixado en ambos casos en 5,5 veces o IPREM anual en 12 pagas, fronte ás 5 veces o IPREM de convocatorias anteriores, isto é, 39.600 euros anuais de ingresos netos.
No curso 2025/2026, as bolsas de comedor escolar, actividades e material escolar chegaron a case 2.000 nenos e nenas de Santiago. En concreto, concedéronse 793 bolsas de comedor por escaseza de recursos, 601 para actividades extraescolares, 272 para a adquisición de material escolar, e 272 axudas para o comedor escolar na modalidade de conciliación.















