A comarca do Barbanza recibirá este ano 29 axudas para actuacións de fermosismo, por un importe de máis de 85.000 euros. Así o confirmou a delegada da Xunta, Belén do Campo, durante unha visita a Rianxo para supervisar dúas melloras realizadas por particulares no marco da convocatoria de 2025.
Unha delas, cunha axuda de 3.000 euros, permitiu ao propietario restaurar o revestimento dos elementos da fachada da súa vivenda, mentres que a outra contou cun apoio tamén de case 3.000 euros para a recuperación e restauración do revestimento dos muros do peche da súa finca.
De Salvador, esquerda, Bustelo, Do Campo e un dos beneficiarios das axudas en Rianxo. / X. G.
Do Campo, que estivo acompañada polo alcalde, Julián Bustelo, e polo director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique Luis de Salvador, destacou a boa acollida que teñen estas achegas entre a cidadanía e puxo en valor o impacto positivo que pequenas intervencións poden ter na mellora da paisaxe e da contorna urbana e rural.
Na provincia da Coruña, repartíronse, en 2025, 81 achegas entre particulares de 45 concellos por un importe superior aos 230.000 euros. Na comarca do Barbanza aprobáronse 16 axudas en 7 municipios: Boiro (1), Lousame (1), Mazaricos (2), Muros (1), O Porto do Son (4), Rianxo (6) e Ribeira (1) por un importe de case 45.000 euros.
E neste 2026, as axudas concedidas este ano distribuiranse en oito municipios de Barbanza: Boiro (2), Carnota (1), Mazaricos (4), Muros (3), O Porto do Son (2), Outes (4), Rianxo (11) e Ribeira (2). O concello de Rianxo foi o terceiro municipio da provincia en importe e persoas beneficiadas.
Convocatoria 2026
Belén do Campo subliñou tamén o éxito da nova convocatoria correspondente ao ano 2026, sinalando que «nos primeiros 16 minutos xa se recibira o número de solicitudes preciso para esgotar o crédito dispoñible, no caso de concederse todas».
Esta orde de axudas vai dirixida a propietarios particulares para executar actuacións que contribúan a mellorar a imaxe exterior das súas vivendas e doutros bens, así como para a retirada de elementos adxacentes cando estes prexudiquen a súa estética ou xeren impacto visual.
Neste sentido, Belén do Campo incidiu na importancia de que «a cidadanía siga apostando polo fermosismo como ferramenta para mellorar a paisaxe e corrixir impactos visuais no territorio«.
Ata tres mil euros
As axudas permiten obter ata 3.000 euros por actuación para actuar sobre fachadas —o tipo de obra máis demandado—, cubertas e muros de peche, así como para a retirada de elementos adxacentes aos inmobles cando afecten negativamente á súa imaxe.
A Xunta financiará ata o 70% do orzamento subvencionable, o que permitirá mobilizar arredor de 3,5 millóns de euros en investimento total, tendo en conta tamén a achega dos particulares. Como novidade, este ano puideron solicitar estas axudas non só os propietarios, senón tamén os usufrutuarios dos bens e vivendas obxecto das actuacións.
















