A xunta directiva da CMAT – Costa da Morte Asociación Turística reuniuse esta mañá en Camariñas co vicepresidente da Asociación Galega de Autocaravanas (AGA), Cesáreo González, co obxectivo de analizar a situación actual do turismo de autocaravanas na zona e avanzar cara a unha postura común entre os distintos concellos do territorio.
A alcaldesa, Sandra Ínsua, exerceu como anfitrioa, e o presidente da CMAT, José Manuel López, afirmou que a cuestión das autocaravanas «é unha preocupación que diferentes concellos levan tempo poñendo sobre a mesa dentro da asociación, especialmente pola necesidade de unificar criterios e actuacións no conxunto do territorio».
Reunión celebrada no concello de Camariñas. / Cedida
Neste sentido, amosou a total disposición da CMAT a traballar da man do sector para «detectar os problemas e buscar solucións conxuntas», incidindo na importancia da colaboración entre os municipios e os propios usuarios, para favorecer este tipo de turismo, dun xeito ordenado e organizado.
Pola súa banda, o vicepresidente da AGA explicou que unha das principais dificultades detectadas polo colectivo é a falta de áreas específicas para autocaravanas, así como a limitada capacidade dos concellos para controlar o cumprimento das normativas e regulacións xa existentes.
Respecto polo destino
Subliñou ademais que os autocaravanistas son os primeiros interesados en que se respecten as normas e evitar comportamentos incívicos que poidan provocar unha imaxe negativa da súa práctica. Neste sentido, o vicepresidente do colectivo galego afirmou que o autocaravanismo é unha modalidade de turismo con capacidade desestacionalizadora, con impacto económico no territorio e cun perfil cada vez máis vinculado á calidade e ao respecto polo destino.
O encontro serviu como primeiro punto de partida para analizar posibles vías de mellora adaptadas á realidade territorial dos dezasete concellos do xeodestino Costa da Morte.
Ambas partes acordaron manter futuras reunións de traballo co obxectivo de avanzar cara a un documento marco que poida servir de referencia aos concellos á hora de establecer regulacións e criterios máis homoxéneos en todo o territorio.











