A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou este venres as primeiras 18 formacións musicais confirmadas para a 39 edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, que se celebrará este 2026 os días 5, 6, 7 e 8 de agosto en sete espazos singulares da cidade. O acto de presentación celebrouse no Palacio dos Deportes de Riazor, lugar que acolleu en 1986 o primeiro concerto deste festival.
«Podemos afirmar sen dúbida que o Noroeste Estrella Galicia é o mellor festival urbano gratuíto a nivel estatal e un dos máis destacados de Europa grazas a súa ampla variedade de estilos, que van desde o jazz e o rythm&blues ao post-punk, o rock e o metal”, indicou Inés Rey durante a súa intervención. A alcaldesa estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Tamén interviñeron no acto o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o director de Activación en Iberia de Hijos de Rivera, Víctor Mantiñán.
primeiras confirmacións
Entre as primeiras confirmacións destacan referentes internacionais dos seus xéneros musicais, como Echo & The Bunnymen, unha das formacións británicas máis influíntes do rock alternativo, Bongeziwe Mabandla, referente da música africana, ou Mari Froes, popular cantante brasileira que combina folk, pop e electrónica. O rock está moi presente nesta primeira quenda de confirmacións, con bandas internacionais como Frankie and the Witch Fingers e galegas como Bala, Agoraphobia, Ruxe Ruxe ou Greasy Belly. A música en galego seguirá a ter unha importante presenza no cartel, con referentes como SES ou Catuxa Salom. Completan este primeiro anuncio Ana Lúa Caiano, Anna Andreu, Dorian, Fantastic Negrito, La Perra Blanco, MFC Chicken, Moura e Pamela Rodríguez. Proximamente anunciarase o cartel completo, con todas as actuacións musicais que conformarán a 39 edición do festival.
Presentación do Festival Noroeste Estrella Galicia 2026 no Pazo dos Deportes da Coruña
“Nesta edición do Noroeste buscamos estreitar aínda máis a confluencia entre figuras xa consolidadas con artistas emerxentes, conxugando o talento internacional co talento local. Porque a aposta polo noso é imprescindible e baixo esa premisa naceu o Noroeste Pop Rock no ano 1986”, apuntou Inés Rey. A alcaldesa tamén confirmou que esta edición contará con sete escenarios. O principal, como cada ano, será o da praia de Riazor, con actuacións o venres 7 e sábado 8 de agosto. Ademais, por segundo ano consecutivo, a praza de María Pita acollerá actuacións do Festival Noroeste Estrella Galicia, ao que volve o auditorio do parque de Santa Margarida. Repiten o Campo da Leña, a praza de Azcárraga, O Portiño e o castelo de San Antón.
Un evento que é un símbolo
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles indicou que “a continúa evolución do Festival Noroeste demostra a súa madurez e a súa capacidade para atraer milleiros de persoas, xerando un impacto moi positivo tanto no ámbito turístico como nos eidos cultural, económico e social, valores que a Xunta de Galicia comparte co Concello da Coruña”. O vicepresidente e deputado responsable de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, destacou a longa traxectoria do festival, case catro décadas que o converteron “nun referente”. Segundo o vicepresidente, o Noroeste “é moito máis ca música, é tamén o impresionante espazo en que se desenvolve, é comunidade”. Para Regueira, este evento é “un símbolo das festas” que ao longo dos anos foi cambiando, “adaptánfose aos tempos, sen por iso perder a súa esencia”.
Por outra banda, Víctor Martiñán, director de Activación en Iberia de Hijos de Rivera destacou o carácter diferencial do festival, que permite un percorrido a través de lugares e prazas emblemáticas da cidade, facendo chegar a música máis aló dos recintos habituais. “A experiencia que ofrece o Noroeste Estrella Galicia é 360º, é máis que cultura, é máis que lecer, é máis que turismo, é máis que gastronomía, é un momento moi especial de desfrute para os cidadáns da Coruña e todos os que nos visitan. E Estrella Galicia forma parte ineludible do ecosistema de desfrute da cidade, é a nosa orixe, forma parte da nosa identidade e sempre apoiamos aquelas iniciativa que contribúen a dinamizar a súa oferta cultural e social”, engade.

The Vaccines, en el Festival Noroeste Estrella Galicia 2025
O Festival Noroeste Estrella Galicia é o festival urbano e gratuíto organizado polo Concello da Coruña co patrocinio da Xunta de Galicia, a través de Concertos do Xacobeo, Deputación da Coruña e Estrella Galicia. Durante catro xornadas, numerosas bandas e artistas internacionais, estatais e galegos actúan en espazos singulares da cidade. Trátase do evento máis importante a nivel estatal das súas características, un dos máis importantes a nivel europeo e é un absoluto referente da música ao vivo a nivel galego.
Primeiros artistas confirmados para o XXXIX Festival Noroeste Estrella Galicia
AGORAPHOBIA
Agoraphobia é unha banda galega de rock alternativo formada en Boiro. O seu son mestura elementos de grunge, garage rock e punk, cunha identidade potente marcada pola enerxía e a intensidade nos directos. Ao longo da súa traxectoria, publicaron varios EPs e discos como ‘Incoming Noise’ ou o máis recente ‘Kamikaze’, consolidándose como unha das referencias máis destacadas do rock independente galego e estatal.
ANA LÚA CAIANO
Ana Lua Caiano é unha artista portuguesa que combina a música tradicional do seu país con electrónica, hip hop e experimentación sonora. Actúa como “one-woman band”, empregando loops, sintetizadores e percusión para construír paisaxes musicais complexas. O seu traballo explora a relación entre tradición e modernidade, destacando especialmente co disco Vou Ficar Neste Quadrado (2024), que a situou como unha das creadoras máis innovadoras da escena portuguesa.
ANNA ANDREU
Anna Andreu é unha cantante e compositora catalá cun estilo entre o folk, o indie e a canción de autora. As súas cancións caracterízanse pola sinxeleza instrumental e unha forte carga lírica. Co seu traballo conseguiu recoñecemento pola sensibilidade artística e pola capacidade de crear relatos íntimos e poéticos.
BALA
Bala é un dúo coruñés formado por guitarra/voz e batería/voz, nacido en 2013. A súa música mestura grunge, stoner, hardcore e punk cun son contundente e minimalista. Co paso do tempo convertéronse nunha das bandas máis potentes do rock alternativo estatal, destacando pola súa presenza en festivais e polos seus directos intensos.
BONGEZIWE MABANDLA
Bongeziwe Mabandla é un cantante e compositor sudafricano que destaca dentro do folk contemporáneo africano. A súa música combina folk, electrónica e elementos da tradición xhosa. O seu estilo íntimo e emocional, centrado na voz, levouno a acadar recoñecemento internacional e a converterse nunha figura relevante da nova música africana.
CATUXA SALOM
Catuxa Salom é unha artista galega que fusiona pop alternativo, electrónica e música de raíz. A súa proposta incorpora unha estética contemporánea que revisa a tradición desde unha perspectiva actual. Forma parte da nova xeración de creadoras que están renovando o panorama musical en Galicia.
DORIAN
Dorian é unha banda de Barcelona formada en 2004 que mestura indie pop, electrónica e new wave. Destacan polas súas melodías pegadizas e letras con carga emocional e social. Ao longo da súa carreira convertéronse nunha referencia do indie español, con gran presenza tamén en América Latina.
ECHO & THE BUNNYMEN
Echo & the Bunnymen é unha banda británica formada a finais dos anos 70, clave no desenvolvemento do post-punk e do rock alternativo. O seu son caracteriza polas guitarras atmosféricas e as letras introspectivas, influíndo en numerosas bandas posteriores.
FANTASTIC NEGRITO
Fantastic Negrito é o nome artístico do músico estadounidense Xavier Amin Dphrepaulezz, cuxa música mestura blues, soul, funk e rock. A súa carreira destaca pola capacidade de reinventar o blues en clave contemporánea e pola forte carga social e autobiográfica das súas composicións, recoñecidas con varios premios Grammy.
FRANKIE & THE WITCH FINGERS
Frankie and the Witch Fingers é unha banda estadounidense de garage rock e psicodelia formada en Los Ángeles. O seu estilo combina enerxía punk, krautrock e experimentación sonora. Son coñecidos polos seus directos explosivos e pola súa presenza destacada na escena internacional de rock psicodélico.
GREASY BELLY
Greasy Belly é unha banda coruñesa de garage rock con influencias do blues e da música americana clásica. O seu son destaca polos riffs directos e unha actitude crúa e enérxica. Foron gañando presenza na escena underground grazas ao seu potente directo.
LA PERRA BLANCO
La Perra Blanco é un proxecto liderado pola guitarrista e cantante gaditana Alba Blanco, centrado no rock and roll de raíces. A súa proposta recupera o espírito do rockabilly clásico cun enfoque contemporáneo, destacando pola enerxía e o virtuosismo nos concertos.
MARI FROES
Mari Froes é unha cantante brasileira vinculada á nova música popular brasileira. O seu estilo combina folk, pop e electrónica cunha grande sensibilidade vocal. A súa música destaca por crear atmosferas íntimas e modernas.
MFC CHICKEN
MFC Chicken é unha banda británica de garage rock e rhythm & blues cun estilo festivo e desenfadado. A súa música está pensada para o directo, con ritmos bailables e moita enerxía sobre o escenario.
MOURA
Moura é un proxecto coruñés que explora o folk experimental e a psicodelia desde unha perspectiva contemporánea. A súa música conecta coa tradición oral galega e cos paisaxes sonoros do país, creando un universo artístico propio.
PAMELA RODRÍGUEZ
Pamela Rodríguez é unha cantante e compositora peruana que mestura pop, jazz, música latina e electrónica. A súa obra destaca pola experimentación e pola combinación de diferentes linguaxes artísticas.
RUXE RUXE
Ruxe Ruxe é unha banda histórica do rock galego formada nos anos 90. O seu estilo mestura rock urbano con influencias folk e letras en galego de forte contido social. Co paso dos anos convertéronse nun referente cultural dentro da música galega.
SÉS
Sés (María Xosé Silvar) é unha das voces máis importantes da música galega actual. O seu estilo mestura canción de autora, rock e música tradicional. A súa obra está marcada por un forte compromiso social e político.














