O BNG vai darlle difusión á polémica veciñal pola instalación dunha planta de residuos da construcción en Cacheiras, e levará ao debate parlamentario o rexeitamento dos afectados. Deste xeito, reclamaralle á Xunta que dialogue coa veciñanza e reinicie o proceso de avaliación de impacto ambiental dun proxecto que está previsto situar no medio de aldeas e ao pé de casas. Ademais, animan a participar na andaina reivindicativa, convocada pola Plataforma Stop Planta de Residuos Cacheiras-Aldeas Limpas, que se desenvolverá este sábado día 18 con saída ás 10.00 horas do parque infantil da Torre.
En primeiro lugar, o BNG reclámalle á Xunta no Parlamento que se reúna de maneira inmediata con representantes da Plataforma Stop Planta de Residuos Cacheiras- Aldeas Limpas, que solicitaran unha xuntanza coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático sen obter ningunha resposta. Ademais, as iniciativas presentadas pola deputada nacionalista, Saleta Chao, esixen que se reinicie o proceso de avaliación de impacto ambiental para avaliar as consecuencias que para as veciñas e veciños pode ter a instalación da planta.
Vivendas e centro educativo
«A súa localización, próxima ás casas e a un centro educativo, preocupa á veciñanza e teñen dereito a que a Xunta escoite as súas demandas, dialogue e garanta unha localización que non provoque prexuízos para a súa vida«, sinala a deputada Saleta Chao que defenderá as iniciativas no Parlamento, apoiando a forte oposición social que está a provocar o proxecto.
Pola súa banda, o portavoz do BNG no Concello, Eloi Devesa, cualifica de «auténtico desproposito» o proxecto de instalar unha planta de residuos de construción no medio das aldeas, con vivendas a tan só 50 metros e un centro de ensino próximo. Alerta de que o seu funcionamento provocaría ruído constante, pó en suspensión e tráfico pesado por pistas inadecuadas, o que supón «unha condena para o rural que se está a ver ameazado diante da parálise do goberno municipal que nin informou á veciñanza nin presentaron alegacións nin se personaron no expediente, é dicir, abandonaron á veciñanza que se está a mobilizar para defenderen os seus dereitos e o noso concello».
Compracer á empresa
Denuncia tamén Eloi Devesa que, pola contra, o goberno municipal dedicouse a criminalizar a oposición cunha clara posición de «prepotencia e deixadez de funcións que só buscaba compracer á empresa e tamén ao goberno do PP na Xunta«. O voceiro nacionalista lembra que, fronte á posición da alcaldesa, o BNG está «á lado da veciñanza, defendendo os seus dereitos tanto no propio pleno do Concello como agora no Parlamento como estaremos nas mobilizacións que se convoquen para impedir o que consideramos que é unha barbaridade», a máis próxima, a andaina reivindicativa que sairá este mesmo sábado día 18 de abril do parque infantil da Torre. Instan tamén a que a alcaldesa convide á Conselleira a visitar a zona e reunirse coa Plataforma para «comprobar de primeira man como pretenden estragar a vida das nosas aldeas e do noso rural».













