A alameda da Pobra acolle dende este martes a exposición A camelia no provincia da Coruña, unha mostra itinerante organizada pola Asociación Española da Camelia co financiamento da Deputación da Coruña.
Na inauguración participaron a concelleira de Turismo, Estefanía Ramos, e a presidenta da asociación, Carmen Salinero.
A exposición itinerante está formada por tótems informativos nos que se detallan curiosidades e se plasman imaxes de camelias. Nunha das caras inclúense fotografías de gran formato de personaxes galegos destacados de distintos ámbitos (como a cultura, o deporte, o cinema, a música ou o xornalismo) portando a flor da camelia en distintas posicións.
Os paneis ofrecen tamén información sobre a Ruta da Camelia de Galicia, con datos e fotografías dos xardíns da provincia que forman parte deste itinerario.
Por último, tamén conteñen contidos divulgativos baixo o formato Sabías que…?, nos que se presentan curiosidades e datos de interese sobre o mundo da camelia.
A exposición concíbese como un espazo ao aire libre que pode percorrerse de maneira amena e visualmente atractiva. Como parte da ambientación, acompañan aos paneis distintas variedades de plantas naturais de camelia en macetas de gran formato.
Esta proposta reforza a cuarta edición da Mostra da Camelia, que poderá visitarse os días 21 e 22 de marzo na sala de exposicións da Casa Mariñeira.













