O alcalde da Laracha, José Manuel López, e o concelleiro Manuel García presentaron o proxecto de orzamentos para 2026, que ascende a 11.910.000 euros, o que supón un incremento dun 9,47%. Será «o máis alto da historia do Concello» e, segundo o rexedor, «é realista, rigoroso e adaptado á realidade».
Destaca o «forte impulso» ao investimento (máis de 1 M€) e a aposta polo reforzo das axudas de emerxencia social, as subvencións a entidades culturais, educativas e deportivas, e as achegas ás comisións de festas. Asemade, as bolsas de estudos elévanse ata 80.000 €.
Torres de Cillobre e menhir de Erboedo
Entre as actuacións previstas inclúense a achega municipal para a construción do novo aparcamento do CEIP Otero Pedrayo, a humanización da Avenida López Astray, a expropiación dos terreos afectados polo Plan Especial do Igrexario de Lestón e o seu proxecto de urbanización, a posta en valor das Torres de Cillobre e do menhir de Erboedo como elementos patrimoniais, e a renovación da cuberta da piscina municipal e de parques infantís.
Os tributos e taxas municipais permanecerán conxelados e, á vez, búscase «dar resposta ás necesidades da veciñanza e manter a calidade dos servizos e infraestruturas», afirmou o alcalde larachés.













