Emoción e competitividade reinaron este lunes 23 de febreiro na pista central do Multiusos Fontes do Sar de Santiago coa segunda edición do 3×3 USC-Obradoiro e o torneo de Triplas, reunindo a 119 deportistas da Universidade de Santiago. Participaron 29 equipos conformados por membros da comunidade universitaria, que verán recompensado o seu esforzo o vindeiro 10 de marzo na entrega de premios que terá lugar no descanso do partido no que se enfrontarán Monbus Obradoiro e Grupo Caesa Seguros FC Cartaxena CB e ao que todas as persoas participantes están convidadas. Ademais as persoas gañadoras de ambas as categorías xogarán contra o equipo MATCH-UP Basket 3×3.
En total, participaron sete equipos femininos, enfrontándose na final ‘Las Pilis’ e ‘Fuentecitas’, ficando as primeiras como vencedoras. Na categoría masculina, competiron 22 equipos, chegando á final ‘Peixiños de Lugo’ e ‘Dame un pico 3×3’, quedando este último como gañador. Ademais, 14 deportistas participaron no campionato de triplas mixto. A final disputouse entre Pilar Corredoira e Nuno Iglesias Martínez, sendo este último quen se fixo coa competición. Todos os resultados están dispoñibles no web de Deportes da USC e proximamente publicarase unha memoria fotográfica.
Colaboración entre USC e o Obradoiro
Tanto o campionato 3×3 como o de triplas enmárcanse na colaboración que manteñen a USC e o Obradoiro cunha mesma vontade como é a de «promover a práctica do deporte como un valor transversal e coincidente cos propios valores universitarios».
A colaboración incide ademais na oferta de alternativas de prácticas deportivas a toda a comunidade universitaria da man da colaboración cos clubs do contorno universitario, ao tempo que se fomentan de hábitos de vida saudable. Deste xeito, a USC intensifica a súa relación coas distintas entidades deportivas galegas co dobre obxectivo de fortalecer as xa existentes e tecer outras novas coa súa contorna.












