A dúas semanas de que arranque un novo curso académico, o Consello do Estudantado da USC xa está a analizar o seu último Plan de Accións que establece as liñas a seguir no que resta de ano. «Conseguimos que fose un proceso participativo e a través do correo electrónico chegáronnos propostas moi interesantes do estudantado», comentan a EL CORREO GALLEGO dende o Consello do Estudantado.
Un dos retos que teñen por diante consiste en sentarse co Concello para mellorar a comunicación entre o Campus Norte e o Campus Sur. «A liña 15 ten unha serie de problemas que cómpre arranxar», sinalan. A maiores, tamén ven precisa unha mellora da mobilidade urbana entre Santiago e Lugo, o que consideran «un reto complicado».
Recordan, ademais, que hai centros que requiren de reparacións. «A obra en Farmacia xa está licitada e todo apunta a que se cumplirán os prazos, pero Ciencias da Educación do Campus Norte, Enfermería e a biblioteca de Historia son frontes abertos que prexudican os estudantes», din.
Un dos obxectivos é establecer contacto coas diferentes asociacións. «Queremos saber o que queren e como lles podemos axudar. Trátase de compartir inquedanzas, tender pontes e buscar solucións ou posibles melloras para levar a cabo conxuntamente en beneficio da calidade de vida do alumnado», destacan. Neste aspecto, no que vai de ano xa estableceron diálogo co estudantado das residencias.
Tamén buscarán estreitar o contacto e os lazos coa representación estudantil da UVigo, da man do seu Consello do Estudantado, e coa representación da UDC, na procura de contemplar en conxunto o panorama universitario galego. E como novidade, ter unha interlocución directa coa Consellería de Universidades para «non ter que tocar sempre á porta da reitoría para que falen no noso nome». Recordan que segundo o calendario de aplicación da LOSU, en breve a Consellería debería empezar a articular unha Lei do Sistema Universitario Galego, «sobre a cal agardamos estar informados».
No apartado de igualdade aspiran a mellorar a aplicación dos protocolos, en especial o de cambio de xénero. «Incidir en que só o PTXAS pode ter acceso ao nome e xénero legal, mentres que o PDI e o estudantado só deben ter acceso ao nome e xénero común», din. Ademais, teñen a intención de incluír en formularios a terceira opción de xénero.
Logo está a renovación dos Estatutos da Universidade, que «terá que saír a finais de outubro ou principios de novembro». Inciden en que «levamos dende que se constituiu a comisión enviando propostas e intentaremos asegurar que iso se teña en conta, se leve a Claustro e se aprobe definitivamente o texto». Nos estatutos o Consello aspira a que se inclúa o aprobado por compensación. «Cando a un estudante lle queda unha materia pendente para titular queremos que o poida facer se adquiriu as competencias necesarias», incide.
Estas e outras demandas serán trasladadas ás candidaturas ao reitorado, tendo en conta que haberá eleccións en febreiro. «En setembro imos iniciar un proceso participativo para tratar de incluír en todos os programas electorais diferentes medidas que beneficien o estudantado e así ter uns mínimos garantidos entre quen entre no cargo», comunican.