O Mercado Medieval e o Mercamelide na Rúa estarán de volta os días 8,9 e 10 de agosto para ofrecer na zona vella de Melide unha ampla e variada programación para todos os públicos.
Na primeira xornada da feira do medievo os visitantes poderán transportarse a tempos pasados a partir das 19.00 horas, cando poderán gozar de pasarrúas musicais con Gaeloc e dos espectáculos Bufón vermello e Cazadores de dragóns. Para os máis pequenos haberá un recuncho infantil.
O sábado e o domingo arrincará ás 11.00 horas con música e espectáculos para encher as rúas de bo ambiente. Tamén haberá diversos postos de comida, roupa, calzado, produtos de beleza e bixutería, así como espazos e atraccións para os nenos e nenas, como de tiro con arco. O evento rematará o domingo ás 21.45 horas cun pasarrúas de despedida no que se xuntarán todas as compañías participantes.
Nestas datas tamén se organizará o Mercamelide na Rúa, no que preto de vinte comercios locais ofrecerán descontos en produtos de todo tipo.















