O faro Vilán de Camariñas e o Museo Man de Camelle acollen durante todo o mes de maio dúas exposicións nas que se poden apreciar diferentes expresións da arte balear: Cestos-Senalles (no faro) e Mujeres en la India, organizadas polo Concello de Camariñas da man das asociacións Art amb B e Ambaca, a través do Instituto de Estudios Balearicos.
Exposición de cestas baleares no faro Vilán, de Camariñas / Cedida
Cestos-Senalles é unha mostra colectiva de 24 cestos artesanais intervidos por artistas mediterráneos. A cesta, un elemento que foi substituído por bolsas de plástico, serviu como elemento inspirador para os artistas, creando a partir dunha peza de artesanía unha verdadeira obra de arte. O acto inaugural, celebrado este sábado, estivo presidido pola alcaldesa, Sandra Insua, e pola presidenta da Asociación de Empresarios e Profesionais do Turismo (Aept), Olga Campos. Á cita sumáronse tamén concelleiros e concelleiras locais, ademais dos membros da delegación chegada de Baleares.

A mostra poderá visitarse ata finais de mes nas salas do faro Vilán / Cedida
Pola súa banda, Mujeres en la India, inclúe obras de oito artistas de Ibiza (Aphon, Carmen Liberal, Lina Ardinach, Marga Juan, Marga Guasch, Matilde Hernández, Pilar Cuesta e Patricia Boned) que están inspiradas na súa estancia na Fundación Vicente Ferrer en Anantapur (India), acompañadas pola poeta Yolanda Bonet.