A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, visitou este municipio para comprobar as melloras executadas da ampliación do parque infantil dos Tilos co apoio da Xunta. A través da orde de infraestruturas de uso público, o Goberno galego destinou case 34.000 euros á mellora e modernización deste espazo. Esta actuación consistiu na construción de soleras de formigón, na instalación de pavimento de caucho continuo e novo equipamento.
A representante do Goberno autonómico animou aos alcaldes a solicitar as axudas da nova convocatoria desta liña, dotada con 3,5 millóns de euros e que ten o prazo aberto ata o 28 de febreiro. Segundo sinalou, trátase dunha medida enmarcada no compromiso da Xunta co eido local, especialmente cos municipios de menor poboación, xa que está destinada a localidades de menos de 30.000 habitantes.
As achegas concedidas a través desta orde poden cubrir ata o 80% do gasto de creación ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.
A convocatoria inclúe actuacións nas redes de alumeado público; a pavimentación de camiños públicos municipais; e as obras en prazas, parques, paseos e rúas. A estas engádense a creación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinadas á prestación de servizos municipais, así como a mellora da súa accesibilidade ou a dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.
O pasado ano esta medida permitiu impulsar 7 proxectos municipais na comarca de Santiago ( Padrón, Brión, Teo, Oroso, Trazo, Vedra, O Pino ) por un importe de preto de 240.000 euros.
Os concellos que, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións de concellos, desexen acollerse á orde deberán presentar as solicitudes por medios electrónicos desde o formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta.