Un total de 25 estudantes de 12 e 13 anos integran a 19ª promoción do Proxecto ESTALMAT-Galicia de estímulo do talento matemático. Trátase de 8 alumnas e 17 alumnos que este sábado 3 de outubro participaron xunto coas súas familias no acto inaugural do curso en Santiago, no Monte do Gozo. A apertura estivo presidida pola reitora da USC e tamén docente do programa, Rosa Crujeiras, e nela participaron tamén o decano da Facultade Matemáticas, Alberto Cabada Fernández; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo Queijo; e a presidenta de Estalmat-Galicia, María Elena Vázquez Cendón.
No acto, as estalmateiras e os estalmateiros recibiron o material facilitado polos patrocinadores e colaboradores de man das autoridades e seguidamente iniciaron o campamento matemático durante a fin de semana, que supón unha toma de contacto entre elas e eles nun ambiente lúdico-matemático. Nel, manipularon omnipoliedros, construiron cúpulas de Leonardo, participaron nun concurso de fotografía matemática e gozaron dunha andaina matemática na contorna do Monte do Gozo. Acompañáronos nesta fin de semana os docentes Mª Trinidad Pérez López, Gonzalo Castiñeira Veiga e Víctor Pollán Fernández, ademais de membros de promocións anteriores ESTALMAT-Galicia e dun equipo de monitores de Vaidevai eventos.
Do exame realizado en maio á selección dos 25 talentos
Á proba de selección, realizada o pasado mes de maio, acudiron un total de 135 estudantes (47 nenas e 88 nenos), que representaban 60 localidades diferentes de Galicia. Deles e delas, 82 eran da provincia da Coruña, 6 de Lugo, 11 de Ourense e 33 de Pontevedra. Por data de nacemento, o 2013 corresponde ao 76% e o 2014 ao 24%.
Unha vez realizada a selección da promoción, 14 pertencen á provincia da Coruña, 1 a Lugo, 3 a de Ourense e 7 a de Pontevedra, representando 10 concellos de Galicia. Ademais, 17 corresponden a centros públicos e 8 a concertados ou privados de Galicia. Este curso participarán 25 estudantes da promoción número 19 en primeiro e 24 da 18 promoción en segundo, e o curso de Estalmat, estudantes da promoción 17.
Orla do grupo da décimo novena promoción de Estalmat-Galicia. / Estalmat-Galicia
Durante o curso o estudantado seguirá o programa de estímulo do talento matemático baixo as directrices do Proxecto ESTALMAT-España, que desde o ano 1998 ven implantándose en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Castela-A Mancha, Andalucía, Canarias, Valencia, Cantabria, Illas Baleares, Asturias e Estremadura. As actividades terán lugar na Facultade de Matemáticas nas mañás de vinte sábados.
ESTALMAT-Galicia ten examinado máis de 5.000 estudantes con grande interese polas matemáticas e ten seleccionado 576 estudantes, 154 estalmateiras e 322 estalmateiros para incorporar ás súas actividades.

















