O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e a concelleira de Cultura, María Outeiral, supervisaron, xunto co arquitecto municipal, Emilio Piña, o avance das obras de rehabilitación integral da Casa da Cultura. As actuacións, adxudicadas por 3,6 millóns de euros, contan con financiamento do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana mediante o PIREP Local.
A nova estrutura vai renovar por completo o edificio actual, construído en 1988, dotándoo de accesibilidade universal e dunha envolvente que garanta a súa eficiencia enerxética. O novo inmoble vai ampliar o existente, pasando de 1.792 metros cadrados a 2.927 para adaptarse ás novas necesidades e servizos, no que van convivir a área administrativa, a biblioteca e o auditorio.
Uso flexible do auditorio
En canto ao auditorio, que será o gran protagonista desta reforma, ampliará a súa capacidade ata un total de 535 espectadores, unha ampliación do 46% respecto da súa capacidade actual; permitindo o uso flexible cunha ocupación do 50%, 70% ou do 100%. O espazo do auditorio completarase con camerinos, espazo de almacén, unha sala polivalente para formación, un vestíbulo principal para a realización de actos e a renovación integral dos aseos.
A biblioteca estará tamén adaptada ás novas necesidades e requirimentos actuais con catro zonas diferenciadas. Contará con espazo para arquivo e depósito de libros; unha aula de estudo con 32 postos; espazo informático con 8 postos; e un espazo específico para ludoteca e actividades infantís. A actuación completarase cunha área administrativa formada por unha zona de traballo para atención ao público, despachos, unha sala de reunión polivalente, almacén e arquivo.
Accesibilidade plena e universal
A totalidade do inmoble contará con accesibilidade plena e universal dende a Avenida da Constitución, para o que se vai crear un percorrido con zonas de sombra e descanso a modo de gran vestíbulo exterior con pendentes inferiores ao 7% que permita conectar o inmoble coa rúa, ademais de garantir a accesibilidade interior de todo o edificio.
Ademais, a construción pasará dunha cualificación enerxética E a unha A, ao contar cun deseño para que o balance de emisións e consumo sexa cero mediante a mellora do illamento térmico, mellora da iluminación cun sistema de moi baixo consumo, sistemas de calidade de aire interior con renovación e sistemas de xeración de enerxía fotovoltaica.
Esta actuación conta co financiamento do Goberno de España a través do Programa de Impulso á rehabilitación dos Edificios Públicos (PIREP) Local.













