O Concello de Muros celebra ata o domingo pola noite as XXI Xornadas Mariñeiras ‘Muros mira ao mar’, este ano baixo o lema ‘Un mar de fala’.
O encontro ofrece un mercado mariñeiro, concursos, obradoiros, programación infantil e visitas guiadas. A gastronomía local é tamén protagonista, así como a música e as exposicións.
Na inauguración das xornadas participaron a alcaldesa de Muros, María Lago; a concelleira de Cultura e Turismo, Caridad González, e a concelleira de Promoción Económica, Laura Rivadeneira.
A música animou o acto inaugural de ‘Muros mira ao mar’. / Cedida
María Lago destacou que serán tres xornadas festivas «para reivindicar con orgullo quen somos e de onde vimos«, asegurando que «toda a veciñanza de Muros leva o salitre dentro e é un motivo de gran ledicia ver como estas xornadas son xa un referente, con milleiros de persoas que nos visitan».
A alcaldesa agradeceu «o traballo e o esforzo de todo o persoal do concello, que moitas veces non se ve pero é imprescindible para celebrar con éxito un evento como este».
Caridad González puxo en valor «a implicación de todo o tecido asociativo e da veciñanza para poñer en marcha Muros Mira ao Mar, neste ano cunha decoración moi especial polas rúas«.

As rúas da capital local acollen unha decoración especial. / Cedida
En palabras de Laura Rivadeneira, «o que fai diferente a Muros é tamén o que lle dá tanto valor. O mar é traballo e tamén son palabras e memoria. O mar creou as súas propias palabras e temos que conservar esta riqueza da nosa fala«, mostrando un agradecemento especial «ao persoal da Brigada de Obras polo seu traballo nestes días».
Tras a inauguración oficial co Orfeón Ría de Muros, celebrouse o faladoiro Un mar de fala, un encontro que puxo en valor dunha forma moi amena a riqueza da lingua galega vencellada ao mar, as expresións, palabras e xeitos de falar propios da tradición mariñeira que forman parte do patrimonio cultural e inmaterial de Muros.
Unha lingua vencellada ao mar
No faladoiro participaron Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega (RAG), e Vicente Brea ‘Chente’, mariñeiro muradán, que compartiron a súa visión sobre a importancia de conservar este legado lingüístico.
Durante tres días, o Curro da Praza acollerá unha programación que reunirá algunhas das propostas máis destacadas da música galega actual e da tradición popular: Sés, Tona, e o Festival Folclórico coa AF Ximiela (Muros), AC Rosalía de Castro (Teo) e Amendoeiras em Flor (Portugal).















