As compañías que lograran os contratos cos gobernos do mundo para facerse coas palabras da xente comezaron a apoderarse delas. A cada persoa, mesmo aos recentemente nados, implantábaselles un chip que contaba as palabras que saían da súa boca ou que escribían coas súas mans. Cada mes liquidábanse as contas e os gobernos cobraban o que lles correspondía, aínda que ninguén podía comprobar se o pagamento era o debido. Os implantes, iso si, non só contaban as palabras, tamén podían inhibilas. En pouco tempo xa non era posible dicir nin escribir palabras que criticasen aos xigantes tecnolóxicos ou aos seus clientes, ou que directamente instasen a realizar calquera acción contra eles, aínda que fose formular unha simple queixa. Aos gobernos pareceulles ben, e mellor aínda poder empregar esa tecnoloxía para controlar a súa cidadanía. O negocio era redondo para estas compañías, xa que o diñeiro pagado aos gobernos volvía dese xeito a elas.
Non era difícil impedir o uso de calquera palabra. Os chips implantados podían producir interferencias cognitivo-motoras cando esa palabra comezaba a agromar no cerebro, por suposto antes de escribirse ou pronunciarse. As persoas nin sequera eran conscientes diso, xa que esas palabras, aínda embrións de pensamentos, apenas latexaban nas neuronas do cerebro antes de desaparecer por completo.
Cando a xente foi consciente do que estaba a ocorrer intentaron rebelarse, pero todo foi de balde. Entón comezaron a gardar silencio. Primeiro desapareceron os saúdos; logo as persoas deixaron de conversar entre si e, ao final, apenas saían laios e maldicións das súas bocas. A xente enmudeceu voluntariamente para non ser cómplice daquela ditadura tecnolóxica.
Algunhas persoas comezaron a agocharse en covas e en determinadas construcións illadas e sen conexión dixital nin cobertura. Alí, onde non entraban nin saían sinais electromagnéticas, podían falar e organizar a súa rebelión contra a tiranía das compañías tecnolóxicas e dos gobernos cómplices con elas. Funcionou, pero por pouco tempo, xa que axiña as todopoderosas empresas souberon o que estaba a acontecer e reprogramaron con rapidez os implantes para que quedase rexistrado neles calquera cousa dita ou escrita no interior daqueles espazos aparentemente seguros. Cando as persoas saían ao exterior, todo o almacenado nos chips era enviado de inmediato a xigantescos centros de datos onde residían todas as palabras do mundo.
Os bebés xa non aprendían a falar nin a escribir; para que?, se iso só servía para facer aínda máis poderosos a quen os sometía. Así que só se lles ensinaba a comunicarse mediante xestos, na súa maioría nunca antes utilizados. As linguas orais foron empobrecéndose progresivamente. Nin sequera os fillos dos oligarcas tecnolóxicos aprendían xa a falar nin a escribir, porque non había quen lles ensinase.
Suscríbete para seguir leyendo
















