O Bipartito convocou este venres a prensa para un almorzo infortmativo no que dar conta dos principais proxectos a abordar neste 2026, entre eles o de incrementar a participación cidadá na toma de decisións, «porque somos o goberno da xente», asegurou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín na Rúa do Vilar, antes de acceder ao Café Paradiso, que pecha as súas portas por xubilación logo de 50 anos de apertura ao público.
Ao xeito que fai haitualmente, «percorrendo as rúas e falando coa xente», a rexedora anunciou que a partir de febreiro recibirá cidadáns particulares no seu despacho da Alcaldía, «porque o tecido asociativo xa ten as súas propias canles», cada primeiro e terceiro xoves de mes. A través da solicitude en liña da cita, na web municipal, levaranse a cabo estas xuntanzas para que a cidadanía de Compostela faga as súas «achegas, propostas e demandas» ao equipo de goberno a través da rexedora.
Sanmartín reivindicou que esta nova medida se suma a outras xa postas en marcha recuperando os consellos de participación de Xuventude, Educación ou taxa turística.
O ano do contrato de buses
A alcaldesa Sanmartín e a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, defenderon unha vez máis que este é un goberno que toma «medidas estruturais e a medio prazo», e puxeron en valor que se 2025 foi o ano dos Servizos sociais (acaban de licitarse a Casa dos Maiores no Ensanche e o Centro Integral de Atención a Persoas sen Fogar, que abrirá as súas portas no mes de xuño en Belvís), este 2026 se será o do contrato de autobuses, licitado a finais do ano pasado.
En termos de mobilidade tamén se abordará neste 2026 a humanización do conector central (de San Clemente a San Caetano atravesando a Virxe da Cerca) e mais a remunicipalización do aparcamentos das prazas de Galicia e de Vigo (contratos expirado o primeiro o ano pasado, mentres o segundo finaliza este ano).
A xestión integral da auga é outra das cuestións no horizonte 2026 do goberno local. Neste sentido a alcaldesa lembrou que a comisión se reunirá o vindeiro día 16 e darlle o visto bo, ou non, a uns informes que deben someterse a pleno para a súa xestión mixta.
Con todo, aínda están pedentes os orzamentos de 2026, en fase de negociación e de cuxo borrador dará conta a vindeira semana o concelleiro de Facenda, Manuel César.















