A reconversión do campo galego desde a entrada na UE nos anos 80 ata hoxe levou por diante 360.000 postos de traballo. Quedan poucos agricultores e gandeiros e, por riba, maiores e con escaso relevo no horizonte. Unha realidade que contrasta co bo momento que viven os dous motores do rural, o leite e a carne, que fan fronte ao exceso de burocracia de Europa ou o minifundismo galego para seguir profesionalizándose, medrando e innovando. Pero para avanzar máis precisan xente: una reconquista do rural que pasa por facilitar axudas, facilidade administrativa, servizos, vivenda, rendibilidade económica e, por riba de todo, prestixio.
Así se espuxo no segundo debate da Mesa do Agro, dentro dos Foros de El Correo Gallego, que reuníu no AC Palacio del Carmen de Santiago a Ángel Miranda, director da división agrogandeira de CLUN; Jesús González, presidente da IXP Ternera Gallega; Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias; e José Balseiros, director xeral de Gandeiría da Xunta.
Roberto García, de Unións Agrarias. / Jesús Prieto
«Aínda que non dá votos, hai que ordenar o territorio»
A diagnose de UU.AA. é clara: «Hai dous elementos que lastran o relevo no campo: a falta de man de obra e o problema da terra». Sobre o primeiro, Roberto García fai autocrítica: «Nós mesmos falamos mal do sector, destacamos as partes negativas e despois temos dificultades para que a xente nova se incorpore», di. «Incluso os galegos retornados chegan coa idea que lles trasladaron os seus pais ao emigrar, a visión dun modelo do campo que nada ten que ver co actual». Por iso, o primeiro que receita o sindicato para repoboar o rural é «prestixio». «É curioso que onde máis tensión se xera no relevo é moitas veces en granxas grandes, precisamente as que teñen máis pulmón financero para dar outros estudos aos fillos».
Sobre a ordenación da terra, o líder sindical lamenta o «minifundismo galopante» de Galicia, que non logra reverter a lei de concentración parcelaria. En parte porque cada vez máis xente con propiedades no campo «vive na cidade» ou directamente está nese 30% de propietarios «descoñecidos». «Pero Galicia necesita tarde ou cedo, aínda que non dá votos, unha ordenación do territorio», reivindica García. O que lamenta é que se gasten cartos públicos nesas parcelarias «e logo teñamos 67.000 hectáreas concentradas que están abandonadas».
Por último, Roberto García reivindica servizos. «Vivir no rural ten certo custe e implica asumir unha serie de carencias», desde falta de bancos ata colexios pechados ou centros de saúde sen pediatra, citou como exemplo. E puxo o foco no problema da vivenda: «Non podemos permitir ter no rural máis de 600.000 casas abandonadas» cando hai emigrantes que veñen traballar ao campo con programas de retorno «e poderían traer a familiar, vivir no rural e xerar alí economía». García pide esforzo ás administracións e empresas nese sentido «porque meter cartos no rural nunca é un gasto, é un investimento que evita moitos outros gastos», como o da prevención do lume. «Ou facemos algo ou haberá dificultades para soster o campo».

Ángel Miranda, de CLUN. / Jesús Prieto
«É inasumible montar unha granxa de leite desde cero»
Desde CLUN, o diagnóstico é similar. Nun contexto de «caída brutal» de granxas, con menos de 9.000 en España e de 5.000 en Galicia, o campo logrou producir un 12% máis de leite nos últimos anos «e hai moito máis potencial» se se poñen condicións e non trabas», asegura Ángel Miranda.
«No relevo, o 90% vai ser familiar, pero hai que abrilo a outra xente, porque moitras granxas que pechan son aquelas pequenas nas que non se investiu. Pero a partir de agora van pechar por falta de relevo boas explotacións, válidas para un mozo que empece, porque lle dará uns ingresos, e a quen se xubile e a ceda daralle cartos a través dun alugueiro con opción a compra, por exemplo», reflexiona. Ese relevo parece clave tendo en conta que «en Galicia non aparecerá ningunha granxa nova de leite porque o custo é inasumible: 15.000 euros por vaca».
Coa man de obra, Miranda tamén é claro. «Que non teñamos hoxe personal no campo é culpa nosa: dixemos que era un sector onde se traballa 365 días ao ano, ten pouco prestixio e agora custa remontar. E por riba, «á xente que temos de fóra para traballar poñémoslle trabas». «Ese é un problema grandísimo», advirte o directivo de CLUN. «A maioría deses inmigrantes non teñen carné nin coche, non se poden desprazar e non atopan vivenda... Creo que os gandeiros deben empezar a pensar en que ter unha vivenda para os traballadores vai ser tan necesario como ter tractor e sala de ordeño. E a Administración terá que subvencionalo».
Sobre o minifundismo, Miranda valora as parcelarias, pero defende que «en moitos sitios xa fai falta unha reconcentración» e considera máis importante aínda «atopar fórmulas para que unha terra agraria que se necesita se transmita de forma sinxela e con seguridade xurídica». «Hoxe hai un problema serio: moita xente no rural non quere asinar contratos de cesión nin firmar nada», revela, algo que complica a xestión en tempos onde la UE e a PAC esixen documentar todo.
E a base territorial tamén é fundamental para garantir que as granxas sigan medrando. «A superficie forraxeira é clave», porque resta dependencia das materias primas importadas para a alimentación, «que é o 60% do custo» e que están sometidas á volatilidade da xeopolítica actual. Hoxe, os gandeiros non controlan esa variable, «pero se logran base forraxeira dabondo, terán o control» sobre o custo desa alimentación..

Jesús González, da IXP Ternera Gallega. / Jesús Prieto
«Unha explotación que se pecha, xa nunca volve a abrir»
O vacún de carne comparte algúns problemas co leite, pero non todos. «A profesionalización de granxas vai máis lenta e hai moitas pequenas que sirven como negocio a tempo parcial, pero que non son competitivas», aclara Jesús González. Por iso, a man de obra non é tan problemática. «Máis ben ao revés: a granxa media en Galicia non ten dimensión suficiente» para contratar xente.
Pero tamén sufren o peche por falta de relevo as explotacións «competitivas e viables». Na IXP Ternera Gallega explican que isto se debe dúas razóns: que non hai relevo porque os fillos estudan e non volven ao campo; ou porque son granxas de zonas de montaña illadas «con moitas limitacións de carácter social» que «desaniman». Iso corríxese «cunha aposta decidida das administracións polo rural, empezando polos concellos, que ás veces son os primeiros que penalizan con impostos a nivel dunha cidade». «Se queremos que a xente volva ao rural, hai que ter unhas políticas de discriminación positiva».
Da burocracia, cre que o problema non son os cambios da PAC «senón a velocidade dos mesmos», que no dan tempo ao agricultor a asumilos. «Iso xera desánimo», alerta, «e unha explotación que se pecha, xa nunca volve a abrir».
Por último, sobre a ordenación, o presidente da IXP lembra que o vacún de carne é o sector «con máis influencia como garante do territorio», pero avisa que «tamén pretenden que sexa garante da fauna silvestre: dentro de pouco terá que manter a lobos, xabaríns e canto bicho haxa por aí», di González, que conclúe cunha mensaxe: «Moitas veces no rural hai desánimo pero non por cuestión económica, xa que nunha granxa podes gañar máis que un enxeñeiro ou un médico; é algo máis social, máis etéreo e difícil de explicar, pero ten que ver coa igualdade, con sentirte cidadán e teñas as mesmas oportunidades que alguén da cidade».

José Balseiros, da Xunta. / Jesús Prieto
«Aquí esíxennos moito e logo entra o de fóra sen requisitos»
Desde a Xunta, José Balseiros admite dificultades no rural, pero saca peito dalgúns logros de Galicia. «Incorporamos máis de 300 mozos ao ano ao agro, cando noutras comunidades logran só dous ou tres», ao tempo que engaden axudas, como as de novas persoas agricultoras, que sumaron outras 123 incorporacións de 40 a 55 anos. Citou medidas da Xunta para o relevo, como o Banco de Explotacións, que interconecta a demandantes de granxas con persoas que van pechar; e avanza liñas importantes de axuda á restauración de vivenda no rural «sempre que sexan arrendadas a xente que traballe na agricultura».
Da burocracia, cre que Europa esixe «cousas inasumibles» aos agricultores, sobre todo a nivel ambiental, e logo de cumprir todas esas esixencias «entran produtos de terceiros países sen cumprir nada. E agora tamén está aí a amenaza dos produtos de Mercosur».
Tamén hai mecanismos legais para ordenar o territorio e entregáronse 24.000 hectáraes concentradas desde 2020, pero admite que o minifundismo «segue a ser unha debilidade en Galicia» e ábrese a «acometer as reformas necesarias». Iso si, lembra que aquí se produce o 40% do leite de España, e o 75% del sae de 25 dos 313 concellos. «Iso danos marxe a irnos a outras comarcas que teñen potencial e onde ao haber abandono, quizais haxa unha mellor actitude de cara a esas concentracións».
Entón se hai axudas e mecanismos, cal é o problema? «Pois moitas veces nós mesmos non queremos que os fillos queden no rural», engade Balseiros. «Mantense a idea de que isto non é rendible e hai que traballar de sol a sol todo o ano… cando hoxe a tecnificación e profesionalización é espectacular».
E remata Balseiros cunha reflexión: «A sociedad urbana non recoñece o esforzo do rural. É tristísimo que hoxe a xente nova da cidade non saiba como se produce un tomate ou de onde sae o leite».














