O Auditorio Municipal de Ribeira acolle esta próxima fin de semana, días 25 e 26 de outubro, a edición 2025 do Culturgal Expandido. Un evento cheo de música local, monólogos, danza e literatura para o público de todas as idades. A entrada é gratuíta ata a cubrir a capacidade.
A coñecida como Feira das Culturas Galegas habilitará espazos para as diferentes disciplinas artísticas coa presenza de artistas e creadores locais, como Quico Cadaval, Lau Panicanela, Fran Sieira, Nan Îllonia, XeVA & Mon-O, Susana Sampedro ou Os Liantes.
Cartel do Culturgal. / Cedida
A xornada inaugural será o sábado, cando a partir das 10.00 horas desenvolverase o obradoiro Mediación. Un baile ceibe en comunidade, con Fran Sieira, para dar paso ás 12:00 horas a O lobo feliz, un espectáculo infantil con Miguel Guido.
A continuación, ás 13.00 horas será a quenda do obradoiro Pensa o teu guión de videoxogo e pola tarde haberá conversas literarias organizadas polo Club de Lectura do Culturgal. Ás 19.00 terá lugar o espectáculo Xa que o sabes, voucho contar (e cantar), de Federico Pérez Rey. Ás 20.00 chegará o momento do espectáculo de danza Un baile ceibe en comunidade, de Fran Sieira e, para rematar, ás 21.00, proxectarase a película O Apóstolo, de Fernando Cortizo.
A mañá do domingo estará dedicada ao público infantil cunha programación de 12.00 ás 14.00 horas con Contamos contos de lobos?, de Ghazafellos, e O rap do coello fedello, de Irene Alonso Gasalla.
Pola tarde, impartirase o obradoiro audiovisual Foley: sons do cinema con Alba Pego, haberá un coloquio cos premiados do certame Cidade Centenaria de Ribeira, poderáse desfrutar da actuación teatral Fantasmas Familiares, de Quico Cadaval, e o peche musical estará a cargo de Nan Îllonia, Os Liantes, Lau Panicanela e XeVA & Mon-O (19:00 horas).














