A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional asegura que o IES Campo de San Alberto de Noia ten garantida a atención dun coidador para todo o curso.
O portavoz de Educación do PSdeG no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, tiña anunciado unha «ofensiva parlamentaria» por parte desa formación precisamente para reclamar ese profesional durante todo o período escolar (como recomenda o informe médico) tras calificar de «unha burla que reflicte a falta de humanidade por parte do PP o trato que lle están a dar a Guille, alumno do IES Campo de San Alberto que ten unha discapacidade do 88% logo dun accidente de tráfico no que faleceu seu irmán».
Na súa iniciativa, o responsable socialista esixíalle á Administración autonómica que garantise «a estabilidade e continuidade na atención educativa que precisa este rapaz».
O parlamentario socialista reclamoulle á Xunta de Galicia que tome as medidas necesarias «para que ningún neno ou nena con necesidades educativas especiais quede sen o apoio de coidadores ou coidadoras durante o curso escolar».
Ademais, reclamou que dote os centros educativos de «recursos suficientes para atender de maneira adecuada a diversidade do alumnado, reforzando o persoal de apoio educativo».
A Consellería de Educación garantíralle á familia de Guille o pasado 23 de xuño un coidador a tempo completo para o comezo deste curso.
Francisco Mayo, pai do mozo de 15 anos, estaba pendente desde o pasado día 8, cando comezaron as clases, dun profesional que o acompañe durante toda a xornada escolar.
Tras as protestas de familiares e veciños ao longo deste mes (a última, o domingo en Rianxo), o departamento dirixido por Román Rodríguez confirmaba a este xornal que se traballaba «desde o primeiro momento» para incorporar un coidador a tempo completo no citado instituto.
Unha reconstrución lenta
O accidente ocorreu nunha estrada de Noia. O coche conducido polo irmán de Guille saíuse da calzada e chocou contra outro vehículo estacionado e un poste.
Diego, de 24 anos, faleceu no acto; Guille sobreviviu, pero cunha discapacidade do 88%. Desde esa Noiteboa de 2023, a súa vida é unha reconstrución lenta.
«El ten un comunicador e pode comunicarse, pero o coidador é os seus pés e as súas mans para ir ao baño, asearse ou comer», relata o pai de Guille.