A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Frades, Roberto Rey, asinaron un convenio de colaboración polo que a Xunta de Galicia destina preto de 50.000 euros á recuperación do encoro sobre o río Tambre, que permitirá a posta en valor da contorna fluvial da área recreativa da Presa.
O Concello encargouse de elaborar o proxecto técnico, que minimiza o impacto da maquinaria precisa para realizar a actuación. Ademais, asumirá a titularidade do encoro unha vez que rematen as obras de mellora.
A actuación permitirá restaurar un tramo de 15 metros do azude que, ademais de dar servizo a unha antiga central hidroeléctrica no concello do Pino, xerou unha zona axeitada para o baño, que foi a orixe dunha das primeiras praias fluviais de Frades. Así, a conselleira subliñou que esta intervención permitirá devolver a este espazo «todo o seu valor ambiental e funcional».
O alcalde, Roberto Rey, agradeceu «a boa disposición amosada tanto por Augas de Galicia como pola propia conselleira para buscar unha solución técnica coa menor afección posible ao medio natural».
Os traballos teñen un prazo de execución de tres meses.














