A agrupación UCIN Teo denunciou o estado de abandono do Parque das Tanxugueiras, situado na antiga Horta do Cura da parroquia de Santa María de Luou. Segundo sinalan, o espazo leva máis de tres anos sen ser inaugurado oficialmente, malia que as obras remataron hai tempo e que o nome fora aprobado en pleno no mes de xaneiro de 2022. A día de hoxe, a placa conmemorativa segue sen instalarse.
O nome do parque, que fai referencia ao vínculo dunha parte da agrupación musical Tanxugueiras coa zona, non conta con consenso entre a veciñanza. Parte dos residentes considera que outras entidades, como a Asociación Cultural A Mámoa, con longa traxectoria de dinamización en Luou, serían máis merecentes de dar nome ao espazo.
Mentres tanto, denuncian que o parque presenta sinais evidentes de falta de mantemento: elementos deteriorados, lixo acumulado e bolardos estragados. Especial preocupación xera o estado da coñecida figueira de Rosalía, que estaría a piques de desaparecer sen que se adopten medidas para a súa conservación.
UCIN Teo relaciona esta situación cunha «actitude de desvalorización da cultura galega» por parte do actual executivo local. A formación asegura que membros do goberno municipal chegaron a afirmar expresións como «hai máis cultura que Castelao» ou «eu non veño aquí a recitar poemas de Rosalía».
Desde UCIN reclaman ao Concello que aclare que medidas vai adoptar para mellorar o estado do parque e para dar cumprimento á decisión plenaria de 2022. Ademais, denuncian que este ano datas como o Día de Rosalía, o Día das Letras Galegas ou o Día de Castelao pasaron «practicamente desapercibidas».
Como proposta, a formación suxire a creación dunha partida orzamentaria específica para a escrita en galego e a promoción da lingua entre a infancia, coa fin de garantir o futuro do idioma.