A vila de Muxía celebrará do 12 ao 15 de setembro a tradicional Romaría da Virxe da Barca, Festa de Interese Turístico Nacional.
A Novena da Barca comezará o día 4. A programación lúdica iniciarase o venres 12 de setembro ás 12.00 horas co pasarrúas de xigantes e cabezudos, acompañados de grupos de gaitas. A sesión vermú correrá a cargo de Disco Móvil CDC e na verbena actuarán a orquestra Kubo, «que conta co palco máis grande de España», dixo o presidente da comisión, Ramón Pérez Barrientos.
O sábado 13 amenizará a sesión vermú Alianza, que tamén actuará pola noite xunto á orquestra París de Noia. Ás 00.30 será a sesión de fogos artificiais.
O domingo 14, día grande da romaría, a misa será ás 11.00, e ás 13.00 será a procesión da Virxe da Barca ata o porto (haberá misas ás 18.00 e ás 19.00). Ás 14.30 horas terá lugar «a tirada da maior traca de bombas de palenque de toda Galicia», segundo Pérez, seguida da actuación da Coral Polifónica Virxe da Barca.
Haberá sesión vermú con Acordes e Galaxia, que repetirán pase á noite con Los Satélites.
O luns 15 ás 10.00 horas sairá a procesión da igrexa parroquial ata o Santuario da Barca, onde se oficiará unha misa solemne. A orquestra M-3 Show será a encargada de amenizar a sesión vermú.
O broche de ouro ás festas correrá a cargo da cantante Soraya, a partir das 23.30 horas no peirao.
Na presentación participaron tamén o alcalde, Francisco Javier Sar; a edil de Cultura, Sandra Vilela; o párroco Daniel Turnes; e o patrón maior, Daniel Castro.












