O Parador Costa da Morte, situado en Muxía, acolle na Sala Perello a exposición de fotografía Sol, lúa, estrelas e paisaxe, obra de Antonio Fernández, un fotógrafo autodidacta que vive a atmosfera visual que ofrece matices, tons, luces e variedades cromáticas da Costa da Morte, a cal capta coa súa cámara.
Trátase dunha nova mostra organizada por Ponteceso Cultura Permanente (PCP), que convida a poñer os cinco sentidos ao dispor da cultura e da arte. O acto inaugural terá lugar o venres, día 1 de agosto, a partir das 12.00 horas. A cita estará amenizada musicalmente por Néstor Fidalgo e Fernando Fraga, e serviranse uns petiscos por xentileza do Parador.
A exposición permanecerá aberta aos visitantes do 1 ao 31 de agosto, e poderá visitarse de 10.00 a 20.00 horas, segundo informa o director do Parador, Julio Castro Marcote.