A rehabilitación dun dos símbolos da capital municipal de Muros, o Pozo do Cachón, está máis preta. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou o muíño de mareas para coñecer de primeira man o estado no que se atopa, tal como se comprometera coa tenente de alcaldesa e concelleira de Cultura e Turismo, Caridad González.
Visita ao Pozo do Cachón, en Muros / D. Coruña
Na compaña da edil e da alcaldesa, María Lago, percorreu o que é un dos muíños de mareas máis importantes de Europa, e que na actualidade permanece pechado ao público debido aos problemas estruturais que presenta a edificación.
Tal como puido comprobar in situ, deficiencias na cuberta que están a causar filtracións de auga, unidas aos efectos da salinidade na pedra do edificio, fan necesaria unha intervención para a que «o Concello contará co apoio da Deputación», segundo avanzou Formoso.
O presidente salientou o valor da construción, que constitúe non só un gran atractivo turístico para Muros, «senón tamén un elemento singular dentro do patrimonio histórico da provincia coruñesa».
Redacción de proxecto
Segundo apuntou Valentín González, o seguinte paso para avanzar na conservación do muíño é que o Concello de Muros redacte un proxecto para a consolidación de todos os elementos estruturais. Unha vez que estea concluído, a institución provincial prestará a súa colaboración para que se poidan executar eses traballos necesarios.
A construción do Pozo do Cachón de Muros data de principios do século XIX. Nel destaca un dique de máis de douscentos trinta metros de lonxitude que facía posible aproveitar as mareas para moer o gran.
O edificio chegou a contar con catro moas capaces de transformar en fariña máis de 200 quilos de cereal por hora. Na década dos 90, o muíño rehabilitouse con fondos da Deputación da Coruña, co fin de habilitalo como museo e centro cultural.