A conselleira do Mar, Marta Villaverde, realizou este mércores unha visita á confraría de Lira (Carnota), onde puxo en valor o papel dos pósitos nas comunidades costeiras no marco do Día da Xente do Mar.
Nesta liña, referiuse ao pósito carnotán como modelo de xestión sustentable que o converte nun motor económico para a localidade, cunha facturación que superou o millón de euros grazas á comercialización de máis de 116 toneladas de produto, sendo as máis relevantes o polbo e o ourizo. «É un exemplo de éxito sustentado na implicación dos profesionais, a boa xestión da entidade, da diversificación e dos apoios da Xunta ao sector», dixo.
A titular de Mar recordou que esta confraría foi pioneira na posta en marcha da Reserva Mariña de Miñarzos en 2007 e que foi a primeira reserva de interese pesqueiro da costa atlántica peninsular. Así, abarca unha superficie de 2.074 hectáreas, dentro das cales existen dúas reservas integrais de 79 hectáreas nas que se definen medidas máis restritivas, polo que só se permiten actividades con fins científicos.
Esta iniciativa supuxo unha clara aposta pola explotación sostible dos recursos, limitando o acceso e regulando a actividade extractiva na zona co obxectivo de facilitar a recuperación e conservación das poboacións das especies explotadas.
Marta Villaverde resaltou tamén a colaboración entre a Administración autonómica e o sector como clave na xestión pesqueira en Galicia no marco dun modelo de cogobernanza no que o Goberno galego colabora financiando as vixilancias das autorizacións marisqueiras, accións formativas ou melloras portuarias.
No caso da confraría de Lira, foron un total de 250.000 euros en achegas autonómicas entre o 2024-2025, que serviron para afondar na dixitalización da entidade, a adquisición dunha carretilla elevadora, un produtor de xeo e auga salgada ou para o acondicionamento do banco marisqueiro da Berberecheira, entre outros.
Valorización do produto
A conselleira do Mar tamén sinalou que o pósito «é un referente na valorización dos produtos do mar a través da certificación PescadeRías, de onde se non? e coa marca colectiva Polbodelonxa, na que tamén participan as confrarías de Fisterra, Corcubión, Muros, O Pindo e Porto do Son».
Esta liña de traballo pon en valor o bo facer da pesca artesanal como unha actividade extractiva sostible, así como as excelentes calidades destes alimentos mariños.
Ademais, a Festa Gastronómica da Reserva Os Miñarzos conta co patrocinio da Xunta, e nela pódense degustar polbo, mexillóns, percebes, berberechos, navallas ou nécoras.
A entidade tamén fixo unha aposta por ampliar a súa actividade á transformación e comercialización dos seus propios produtos. Neste contexto, en 2022 realizou un proxecto de mellora do proceso produtivo ao amparo dunha axuda autonómica de 273.000 euros. A actuación supuxo a ampliación das instalación aumentando a capacidade produtiva de procesado de polbo a 10.000 quilos ao día, tamén o aforro enerxético grazas á nova maquinaria e á mellora do illamento das cámaras de conxelado e frío.
Villaverde tamén quixo destacar o valor patrimonial co que conta o municipio coruñés, no que se asenta unha das Áreas Nai reflexada no Plan da Cultura Marítima de Galicia, como é Quilmas. Un espazo no que destacan catro fábricas de salgadura e as casetas dos pescadores, o que fan deste núcleo unha zona con elementos orixinais vencellados ao mar e á súa actividade.
Cómpre recordar que son 10 as zonas singulares do litoral galego que destacan por conservar as súas características orixinais, grazas ao seu coidado e a non estar sometidas a abruptos procesos de urbanización e industrialización.
Na súa visita a Carnota, a conselleira estivo acompañada do patrón maior de Lira, José Mariano Lago, e do presidente da Federación de Confrarías da Coruña, Daniel Formoso.