O Grupo Municipal Socialista de Teo valora «negativamente» o balance de xestión efectuado pola alcaldesa Lucía Calvo, do Partido Popular, tras cumprirse dous anos dende o inicio do seu mandato. Segundo eles, algúns dos compromisos prometidos polo goberno local non viron avances na súa xestión, ao mesmo tempo no que catalogaron como «inadecuados ou carentes de planificación» outros proxectos.
Entre os principais asuntos abordados polo grupo da oposición está o estado actual do polígono industrial, o cal consideran «estancado«, máis o centro de saúde da Ramallosa, cuxa situación «afirman que continúa igual que cando foi asinado polo anterior goberno».
Tamén sinalan que o emprazamento escollido para o futuro centro de día foi unha mala elección, o cal é considerado pola voceira socialista local, Maite Argibay, como «un galpón con condicións dubidosas e escasa aceptación veciñal».
No marco sanitario, denuncian «a precariedade dos centros de saúde, cunha falta de pediatras e listas de agarda prolongadas». E tamén prestan atención «á situación da veciñanza de Pontevea, que segue sen poder utilizar o seu local sanitario despois de dous anos, tendo que desprazarse a módulos prefabricados en Cacheiras».
Por outro lado, destacan a xestión realizada sobre o contrato de recollida do lixo, que segundo conta a voceira socialista , «continúa sen aprobarse malia ter sido unha das promesas destacadas do equipo de goberno popular».
No relativo ás obras parroquiais, dacordo con Argibay a maioría delas foron iniciadas ou proxectadas por gobernos anteriores, e afirman que «as melloras nos centros educativos, das que presume o actual executivo, levan anos sendo reclamadas pola comunidade escolar e por representantes da oposición».
O PSOE de Teo tamén acusa ao goberno local de realizar un uso excesivo de comunicación institucional, sostendo que «difunde reportaxes fotográficas por case todas as actividades e actuacións”, incluíndo actos simbólicos ou de pouca relevancia. Do mesmo xeito, recriminan que tras dous anos do inicio da lexislatura séguese sen constituir o Consello Escolar Municipal, un órgano de participación regulado por normativa local, o cal indican que debería estar funcionando desde o comezo do mandato.