A casa da cultura de Vimianzo acollerá os días 6 e 7 de xuño o primeiro Foro de liderado feminino no rural da Costa da Morte que, baixo o lema Alza voz de muller, converterá a localidade no punto de encontro para mulleres de diferentes lugares do territorio nacional que lideran empresas e dirixen proxectos.
As conversas xirarán ao redor do diñeiro, o poder, o éxito e o liderado, co obxectivo de crear alianzas, redes de apoio e proxectos conxuntos entre todas as asistentes. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, dixo que se trata dun espazo «de reflexión, de coidado e para construír unha rede de impulso e de recoñecemento».
A deputada provincial de Emprego, Rosa Ana García, destacou que «iniciativas como esta axudan a fortalecer as economías rurais e mellorar a calidade de vida das nosas contornas».
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, María José Pose, definiu este foro como «un lugar no que construír xuntas novas narrativas sobre o que supón ser muller» e destacou que «é profundamente transformador que isto se faga aquí. Non en Madrid, nin en Barcelona, nin nun gran auditorio dunha capital, senón na Costa da Morte, en Vimianzo, no rural, no noso territorio».