O Mercado Municipal de Fisterra acolleu o acto de presentación do proxecto Temporada de Mar impulsado polo GALP Costa Sostible, unha nova experiencia gastronómica que desenvolverá unha rede de quilómetro cero integrada por establecementos hostaleiros de Carnota, Dumbría, Cee, Corcubión e Muxía.
O acto de presentación reuniu a trinta persoas pertencentes a distintos ámbitos: peixeiros, cociñeiros, productores, mariscadoras…, que participaron nun showcooking a cargo do chef Adrián Figueroa, do restaurante Omakase, quen amosou a todos os presentes a súa destreza na maduración e cortes de peixe. O experto compartiu o seu coñecemento sobre as técnicas xaponesas da maduración, así como, da previa limpeza do peixe para que este madure e gañe ternura. Desta maneira, rebatiu a tradicional crenza de que o peixe é mellor canto máis fresco sexa.
Adrián contou coa colaboración de Tono García, do restaurante Material de Malpica de Bergantiños, quen se encargou da preparación dun peixe á brasa, ao mesmo tempo que acompañaba a Adrián na difusión de estas técnicas de maduración.
Foi o inicio dunha serie de xornadas que terán lugar ao longo desta tempada na Costa da Morte e que son abertas a todo o público. A segunda cita será na Casa da Cultura de Cee este mércores, día 27 ás 19.30 horas. Consistirá nunha xornada dedicada á economía azul nas zonas pesqueiras, un espazo no que se abordarán as novas oportunidades e retos para a sostibilidad no sector pesqueiro. A xornada será conducida por José Manuel García, comunicador experto en gastronomía que durante anos estivo á fronte do programa Comer e Falar na Radio Galega.
Durante o encontro, participantes clave do ámbito local, como cociñeiros, produtores e divulgadores, compartirán as súas experiencias e visións sobre a importancia de manter prácticas sostibles na pesca e apoiar o produto de quilómetro cero. Entre os asistentes destacarán nomes como Sandra Varela Amado, cociñeira do comedor do CEIP Os Muíños e membro de Slow Food Compostela, quen traballa pola promoción dunha cociña que respecta a estacionalidade e a produción local. Tamén participarán Rogelio Santos Queiruga, mariñeiro e defensor da pesca sostible e influencer galego da pesca e do respecto dos recursos pesqueiros; e Diego López Pedreira, experto en ecoturismo na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, que integra o turismo co coidado do medio ambiente.
A xornada será unha excelente oportunidade para coñecer en profundidade como a economía azul está transformando as comunidades pesqueiras da Costa da Morte, promovendo prácticas que benefician tanto ao sector como ao entorno natural. Temporada de Mar é unha iniciativa que ten como obxectivo transformar a oferta turística da Costa Sostible, creando unha rede de establecementos gastronómicos que poñan en valor os produtos autóctonos das localidades de Canota, Dumbría, Cee, Corcubión e Muxía. A través deste proxecto, buscase impulsar o crecemento económico das comunidades locais, promover a conservación do entorno natural e reforzar a riqueza cultural da rexión.