Despois da adquisición da casa da cadea, o Concello da Pobra dá un paso máis e comezará o luns, día 15, a escavación do xacemento da Corte do Santo, en coordinación coa Universidade de Santiago (USC), e baixo a dirección do investigador Mario Ramos Soriano, en colaboración coa empresa Tempos Arqueólogos. A hipótese dos investigadores é a existencia dun posible eremitorio que podería datar entre finais da Alta Idade Media e a Plena Idade Media, nunha das zonas máis altas da serra do Barbanza, á beira do río Pedras.
Os traballos serán financiados polo Concello da Pobra e cos fondos do Ministerio de Ciencia para o proxecto Ecoloc, dirixido polo profesor da USC José Carlos Sánchez Pardo.
O alcalde, José Carlos Vidal, subliña a importancia desta acción “para toda a comarca”. De probarse a hipótese, engade, “estaríamos máis preto de demostrar a relevancia que tivo o río Pedras no plano espiritual durante a Idade Media. E uniríase ao de San Xoán da Misarela, polo que nos serviría de aliciente para seguir investigando ao longo de todo o curso do río”. As escavacacións, do 15 ao 19 de xullo, de 10.00 a 14.00 horas, poderán ser seguidas por todas as persoas interesadas, e o día 18 haberá unha visita guiada a partir das 18.00 horas.