O BNG de Santiago destacou esta mañá nun comunicado os beneficios para a capital galega do principio de acordo do deputado Néstor Rego para investir a Pedro Sánchez presidente do Goberno. Amais dunha maior aportación para a nova depuradora da Silvouta ou o compromiso coa creación de un xultado para atender os casos de violencia de xénero, as negociacións arrancaron a promesa de incrementar un 30% a aportación ao Consorcio da cidade para as partidas destinadas á rehabilitación da cidade histórica.
Os nacionalistas composteláns tamén destacan nun comunicado de prensa “o mantemento da bonificación do transporte público en 2024, que beneficia a milleiros de persoas que viven, traballan e estudan na capital de Galiza”. Ademais, realizaranse actuacións en todos os tramos de concentración de accidentes na Rede de Estradas do Estado en Galiza, entre os que se inclúe a N550, e asegúrase a finalización dos tramos pendentes de execución da Autovía Santiago-Lugo antes do peche do exercicio 2024. Nos Orzamentos Xerais do Estado para 2024 incluiranse novos descontos nas autoestradas AP-9 e AP-53, que tamén teñen vinculación con Santiago de Compostela. Incrementaranse os descontos para persoas usuarias superrecorrentes (incluídos os vehículos pesados) na AP-9, do 20% actual, até o 50%
Tamén se incorpora no acordo a axilización da aprobación da Orde Ministerial de denominación da Estación Intermodal de Santiago “Daniel Castelao” e programarase o uso dos seus espazos comúns para a difusión do legado artístico, cultural e político de Castelao en coordinación co Concello de Santiago de Compostela. En canto ao fomento do uso da lingua galega no sector audiovisual, financiarase a adaptación do galego á nova era dixital cunha dotación de 15 millóns de euros para o período 2024-2027 para os proxectos con implicación da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta.