Apunta que o Goberno galego levará a cabo unha serie de medidas ata 2030 para axudar tanto aos gandeiros como ás industrias a incrementar a competitividade, a sustentabilidade e a internacionalización

Salienta que o cárnico constitúe un sector estratéxico xa que achega o 34 % do valor da produción final agraria e xera preto de 6.000 empregos

Felicitou a Torre de Núñez pola súa aposta por medrar cando se cumpre unha década da instalación do novo secadoiro de xamóns que contribuíu ao crecemento desta empresa

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, destacou hoxe ao sector cárnico como un dos motores da economía, especialmente no rural, e reafirmou a aposta da Xunta por consolidar a comunidade como un referente desta industria a través dunha Estratexia de dinamización propia. A este respecto, e nunha visita ás instalacións da empresa Torre de Núñez na que estivo acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, Rueda indicou que o obxectivo pasa por situar Galicia como unha rexión clave na produción de carne, cun alto nivel de competitividade e dun xeito sostible.