O delegado do Goberno agarda confirmar a semana que vén que se pode facer coa parcela de Peleteiro

Goretti Sanmartín agradeceu a Pedro Blanco que estivera dispoñible “en pleno agosto” e trasladoulle diversas necesidades locais como que a Sareb ceda ao Concello a parcela de Peleteiro para habilitar “vivenda de protección, un centro de día e unha gran praza pública”, como reclama o goberno local e parte da veciñanza. Algo ao que o delegado do Goberno se comprometeu a dar resposta a vindeira semana, “se se pode facer e se non ver as alternativas”.
As obras da Silvouta foi outro dos temas tratados na xuntanza. A estación depuradora (EDAR) está agora en licitación e o concello pídelle ao Estado que revise a partida orzamentaria disposta. Pedro Blanco reivindicou os case corenta millóns que achega o Estado, o 68% do orzamento, e comentou o feito de que a Xunta manteña unha cantidade orzamentaria fechada. O delegado do Goberno tamén definiu esta depuradora como “moi necesaria, non só para Santiago senón tamén para os concellos da contorna”.
O incremento da dotación orzamentaria do Consorcio, agora sustentado por fondos europeos, na maior parte, foi outro dos temas primordiais tratados nesta xuntanza. A alcaldesa Sanmartín pula por ir achegando esta dotación económica ás cifras previas á crise por ser esta institución unha ferramenta fundamental “para a rehabilitación da cidade histórica e para a mellora da calidade de vida nela”.
O xulgado da violencia de xénero, a humanización da rotonda de Conxo, a estación de mercadorías da Sionlla e o aparcadoiro da estación intermodal, así como bautizala co nome de Daniel Castelao, foron outros dos temas tratados na xuntanza.