A Praza de Galicia de Boiro foi este sábado un xigante tableiro para o gran xogo co que a patronal local quere dinamizar o sector do comercio.
A campaña Boiro xoga, posta en marcha pola Asociación Boirense de Empresas (ABE) e que se prolongará durante todo este mes, nace co obxectivo de dinamizar os negocios locais e ofrecer á cidadanía unha proposta completamente diferente, participativa e pensada para gozar en familia.
Con esta iniciativa, a ABE convida a veciños e visitantes a coñecer Boiro, as súas rúas, os seus espazos e os establecementos comerciais e hostaleiros, cun divertido xogo de mesa.
Baixo o lema Divírtete emprendendo, Boiro xoga pretende converter as compras nos negocios de Boiro nunha experiencia e poñer de manifesto o papel que desempeñan as empresas e o comercio local na vida da vila.
Boiro xoga é a nova proposta da patronal de Boiro para dinamizar o comercio local. / Cedida
A presentación da campaña, na que participaron o presidente da ABE, Daniel García; o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén; e o concelleiro de Comercio, Roberto Lojo, comezou ás 11.00 horas con animación musical e un espectáculo do Mago Paco, que foi encargado de descubrir o taboleiro de Boiro xoga.
Posteriormente, realizouse o sorteo dos dez primeiros exemplares do xogo entre os asistentes.
A campaña pretende ir máis alá dunha promoción comercial convencional e crear unha experiencia colectiva na que os negocios de Boiro, as súas rúas e a cidadanía formen parte dunha mesma partida.
Nun formato similar ao do Monopoly, os xogadores deben ir avanzando polas casiñas, nas que poden mercar dende o Pazo de Goiáns ata o Castro de Neixón, pero nas que tamén deberán superar unha trintena de accións propostas para non ter que pagar peaxe.
Así, aparcar en zona prohibida acarrea unha multa de 15 boiroeuros; pero se un cliente fai un pedido grande nun comercio local, o xogador obtén 100 boiroeuros. E, se sae do pobo para facer unha compra, hai sanción.
Gaña o que consiga facerse con todos os boirobilletes en xogo, deixando os demais na bancarrota.












