«A conexión co público foi moi boa, con moita xente cantando e bailando con nós. É moi bonito, ademais de novidoso, co Festival C conte no seu programa cun grupo de pandeireteiras». Así resumiu este mércores o director do Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia, Gustavo Couto, a actuación deste grupo na sesión de peche do ciclo Por que non cantamos todas?.
As condicións meteorolóxicas obrigaron a cambiar a localización, e pasou a ser na Casa das Máquinas en lugar de no paseo da Ferradura da Alameda, entre as esculturas de Federico García Lorca e Rosalía de Castro.
O obxectivo do OCT Ultreia é manter vivo o patrimonio inmaterial galego e, para iso, ensinan, divulgan en redes sociais e reinterpretan creacións contemporáneas. «O OCT Ultreia fundouse no 1993, e a nosa escola, no curso pasado, contou coa participación de máis de 100 rapaces. Temos unha escola moi grande e o grupo vai mudando», indicou Couto tras a actuación.
Público durante a última sesión do ciclo ‘Por que non cantades todas?’. / Santiago Esturao
No marco do Festival C, durante os mércores de agosto, creouse Por que non cantamos todas? para darlle protagonismo ás voces das cantareiras, e na última xornada, foi a quenda de Ultreia. O seu repertorio incide no papel da muller na cultura tradicional pero tamén na sociedade actual, cos estereotipos que historicamente clasificaban certos instrumentos coma de mulleres ou de homes. A partir da utilización de instrumentos tradicionalmente femininos, coma pandeiretas, pero tamén masculinos, coma o acordeón ou a gaita, procuran poñer o seu grao de area na transformación social que deixe atrás os prexuízos de xénero na cultura.
«Somos un grupo cun repertorio integramente en galego, o cal non é moi común. E a nosa esencia radica no traballo de campo nas catro provincias galegas, e tamén en Portugal, Asturias e Castela e León», sinalou o director do OCT Ultreia despois de pechar un ciclo, Por que non cantamos todas?, que busca homenaxear a poesía popular galega e ás voces das mulleres que a transmitiron e preservan. Esta iniciativa está organizada polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, pero tamén conta co apoio da Deputación da Coruña e coa colaboración do programa Apego.
O Festival C, un encontro de cultura durante o mes de agosto
O Festival C trouxo a Santiago durante o mes de agosto diferentes actividades gratuítas ao aire libre para todos os públicos. Circo, danza, música, poesía, cinema e outras propostas foron as protagonistas das tardes do mes de agosto en busca de achegar a cultura aos espazos públicos. Hoxe será a quenda de Spinish Circo, ás 20.00 horas, na praza da Quintana, e como punto final, o venres 28 e o luns 31, Circonove ofertará uns obradoiros de circo no parque de Galeras entre as 11.30 e as 13.30 horas.











