Medra en verán a aposta da Cidade da Cultura en Santiago por ofrecer actividades sociocuturais o ao aire libre e este mércores, a iso das 20 horas, xa 1.200 persoas estaban alí no inicio de Noitear, un evento dunha soa noite con danza, teatro e artes vivas.
Precisión técnica e musicalidade
A proposta tivo, desde as 20.30 horas, a estrea en Galicia de Carena, do grupo catalá La Corcoles, e despois chegou Into thin air, dos neerlandeses Panama Pictures, parte dunha xornada especial no Gaiás que tiña unha estrela da terra coa compañía galega Fran Sieira Danza, grupo que pechou a xornada con Ceibe.
Baixo a dirección artística do propio Sieira e Sergio R. Suárez, esa peza combina precisión técnica, musicalidade e unha lectura actual do patrimonio coreográfico galego para cuestionar as imposicións de xénero e reivindicar a identidade, a tradición e a liberdade.
Nunha noite estival ben boa en Santiago a nivel de temperatura, Noitear apostou por misturar tres espectáculos nun diálogo arriscado e desafiante coa contorna arquitectónica da Cidade da Cultura, con acceso libre e de balde.
La Corcoles
Ante Carena, premiada produción coa que a compañía La Corcoles que explora o equilibrio sobre o baleiro, o público foi testemuña dun arriscado solo de funambulismo coa artista Mariona Moya sobre un cabo de arame suspendido a grande altura sen rede de seguridade.
E logo foi a quenda da compañía neerlandesa de danza e circo contemporáneo Panama Pictures, con Into thin air e unha linguaxe escénica híbrida onde a fluidez da danza e as acrobacias interactúan coa arquitectura.













