A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, presentou os actos do 120 aniversario da concesión do título de cidade a este municipio por parte do rei Alfonso XIII. O primeiro acto, de carácter institucional, terá lugar este luns 23 ás 19.00 horas no auditorio municipal, e nel o xornalista Xosé María Fernández Pazos tomará posesión de maneira oficial como cronista oficial de Ribeira (foi nomeado en 2023). A música chegará da man do pianista Miguel González Maceiras e do grupo tradicional Os Liantes.
A continuación, na Praza do Centenario (situada a carón do auditorio) recolocarase o monólito que fora inaugurado polas Súas Maxestades don Juan Carlos e dona Sofía o quince de xullo de 2006 con motivo do centenario do outorgamento do título de cidade.
Xa o martes 24, ás 19.00 horas, dará comezo no auditorio a primeira edición das Xornadas Históricas de Ribeira, que se prolongarán ata o 27 de marzo e que abrirá Fernández Pazos para falar sobre Manuel Lustres Rivas, mestre de xornalistas e referente do galeguismo ribeirense.
O mércores 25, o cronista oficial de Cenlle e membro da Real Academia Galega Clodio González Pérez disertará sobre un estudo artístico e histórico dos cruceiros de capela do concello de Ribeira.
O xoves 26 será a quenda do historiador e director do Museo Valle-Inclán da Pobra, Antonio González Millán, que falará sobre a presenza dos Valle-Inclán en Ribeira.
E o venres 27 participarán nun coloquio Xosé Luís Axeitos (membro da RAG) e o historiador Xosé Ramón Barreiro.














