Ás 20 horas dá inicio na Praza do Toural o percorrido do cortexo fúnebre que vai acompañar o Meco até a Praza Roxa para a súa queima ás 21h. Cantigas e Agarimos, Os Conformistas de Conxo, a Charanga BB+ e, dende Laraño, a Ruliña e Os Armatroulas poñeranlle música a esta cita do Entroido santiagués.
Sesión de curtas esta noite no Cineclube
FILMES. O Cineclube de Compostela continúa co ciclo ‘O Imperio contraataca II’ e faino cunha sesión de tres curtametraxes arredor da diversidade étnica nos Estados Unidos. Un programa que comeza ás 21.30 horas coas pezas de Luis Valdez Eu son Joaquín e Os vendidos, e complétase con Eu son alguén, de Madeline Anderson, a primeira mediometraxe documental filmada por unha muller afroamericana. A sesión vai ter lugar no CS O Pichel.
Unha xornada de conferencias e películas na Facultade de Filosofía
UNIVERSIDADE. A Facultade de Filosofía da USC acolle na xornada de hoxe dúas conferencias e unha nova sesión de cinema. A primeira das charlas vai ser a impartida pola profesora da Universidade de Valencia Berta M. Pérez: ‘Hegel con Žižek: o trauma do absoluto’, será ás 12.30 no Salón de Actos e presentarana o decano da Facultade, Xavier Donato, e o profesor Rafael Martínez Castro. Ás 18 horas proxéctase no mesmo lugar o filme australiano Picnic at Hanging Rock (1975), de Peter Weir (VOSE), unha cinta baseada na novela do mesmo título da autora Joan Lindsay que se inclúe dentro do Ciclo de Cine Filosófico.
Fotograma de ‘Picnic at Hanging Rock’ / Cedida
E, finalmente, ás 19 horas, Shao Ran e Eric Li, do Centro de Investigación sobre Protección Animal da Universidade de Shandong (China) e expertos en cetáceos a nivel global, imparten na Sala de Xuntas do centro da Praza de Mazarelos a conferencia ‘Ética e defensa animal, unha experiencia dende China’.
Debate na RSEAPS sobre empresas baseadas no coñecemento
CONFERENCIA. O catedrático de Economía Financieira e Contabilidade da Universidade de Santiago Luis Otero González protagoniza a segunda mesa de debate da programación de 2026 do ciclo ‘Compostela 2023- 2027. Presente e futuro’, que organiza a Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago (RSEAPS).

Luis Otero González / Rosa Ríos
A charla, que terá lugar a partir das 19.30 horas, versará arredor da Creación de empresas baseadas no coñecemento. Otero vai ser presentado polo presidente da RSEAPS, Francisco Lomil Garrido, nunha mesa de debate que estará aberta ás preguntas dos asistentes logo da disertación do relator e poderase seguir en directo a través da canle de Youtube da sociedade.
















