A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, pronunciouse este martes sobre o cambio de modelo de xestión acordado pola maioría de integrantes da comisión da auga. «Para nós, como goberno, entendemos que é unha mágoa e unha oportunidade perdida para Compostela», afirmaba a rexedora, que pese todo apuntou a inteción do seu executivo de levar a proposta de xestión concesional ao pleno do mes de febreiro.
Pese a seguir a defender a proposta de xestión mixta, Sanmartín recalcou que a resolución da comisión debe ir ao pleno «e alí discutirase», mais insistiu en aclarar que «aínda que algunhas persoas dicían que o informe non acaba afirmar de maneira concluínte que esta é a única forma posible, si a recomendaba como a opción máis equilibrada».
«No pleno discutirase pero non creo que sexa nin o máis lóxico nin unha boa noticia para Santiago que a escolla acabe afastándose do informe, non só máis recente, senón, un informe transversal que conta con múltiples perspectivas«, continuou defendendo Sanmartín, que tamén apuntou «a fórmula mixta tiña en conta o necesario control público e por outro incluía a posibilidade de que houbese parceiros que fixesen achegas para os investimentos importantes que Compostela necesita nas súas infraestructuras«.
Nesta liña volveu lamentar que a oposición «non estea de acordo cun informe que foi realizado de maneira transversal, con persoas do ámbito xurídico, económico, estatístico… Persoas que teñen un coñecemento importante e que fan unha proposta que entenden que é equilibrada e, polo tanto, a máis razonable e lóxica para Santiago».
A fórmula mixta, defendeu Sanmartín como xa o luns fixera a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas (Compostela Aberta), «significaría o control público da auga, ese ben público».















