A Federación de Peñas Deportivistas reuniuse co club este xoves para trasladar o malestar xeral da afección branquiazul ca deriva do ambiente en Riazor. Moitos seareiros amosáronse amolados, en especial, co fume, aínda que só foi a gota que derramou o vaso. «A nosa forza non pode ser cortada», reclama, nun comunicado.
«Este xoves mantivemos unha reunión co clube para trasladar o malestar maioritario do deportivismo tras o sucedido o pasado domingo en Riazor. Uns feitos que non poden nin deben volver a repetirse», comeza o comunicado, que explica que tratan de defender que o ambiente sexa «de fútbol, de deportivismo, e non unha imitación de espectáculos alleos á nosa identidade».
A Federación de Peñas demanda que o ambiente «volva á grada, sen interferencias». E explican que «a nosa forza non pode ser cortada por megafonías, actuacións ou outros espectáculos que arrefecen o calor que os xogadores deben recibir desde a bancada».











