O BNG de Cee vén de presentar un escrito no concello para que se remate co problema de inundacións nunha vía do interior de Canosa que afecta, ademais de a toda a veciñanza, ao Camiño de Fisterra a Muxía.
A auga que baixa do monte anega un tramo duns 100 metros «e fai case intrasitable o camiño para veciños e peregrinos, polo que solicitamos ao concello que acometa unha obra de fácil execución e baixo importe económico», afirma o portavoz nacionalista, Serxio Domínguez.
Di que xa trasladaran a solicitude ao persoal da Xunta encargado do Camiño «e recibimos como resposta que o ente non acomete obras en superficies con formigón, polo que tendo en conta que o tramo é moi frecuentado, cremos que o concello debe dar a solución axeitada». Ademais, o BNG pide que se limpen as cunetas por onde baixa a auga.











