As festas do Nadal están sendo do máis animadas para a veciñanza de Val do Dubra, que este luns día 5 vivirá o que será, sen dúbida, un dos momentos máis especiais do ano coa chegada ao municipio dos Reis Magos de Oriente para atender as peticións das nenas e nenos dubreses.
Papá Noel pasou unha tarde moi divertida cos nenos e nenas dubreses.
Será unha xornada de ilusión e diversión que comezará a iso das 17.30 horas cando a comitiva real de Melchor, Gaspar e Baltasar chegue ao Campo da Feira de Bembibre para iniciar dende alí o seu agardado percorrido. As súas Maxestades baixarán pola vereda ata a estatua do Emigrante e farán parada na Casa do Concello, onde terán ocasión de saudar a veciñanza dende o balcón na compaña do alcalde, Diego Luís Díaz, e do resto de membros da Corporación municipal.
A continuación, a festa trasladarase, como é habitual, ao pavillón municipal dubrés, onde todo estará preparado para que as familias gocen ao máximo da tarde máis máxica do ano. Para combater o frío e darlles forzas a cativos e maiores non faltarán o chocolate quente e a rosca, que, por suposto, será elaborada polas panadarías locais. Na festa tamén estarán presentes dun xeito especial os maiores que participaron nas actividades de envellecemento activo e que elaboraron unhas pulseiras coas que serán agasallados os nenos e nenas.
A cita cos Magos de Oriente será o colofón a un programa de actividades que deixou momentos memorables este Nadal, como a festa con Papá Noel, na que non faltaron os inchables, a rosca e o chocolate quentiño. Unha celebración na que tiveron un papel moi destacado as Mulleres Rurais, que se encargaron de que o chocolate estivese no seu punto. Mención especial tamén para Protección Civil e para os traballadores do Concello que colaboraron na organización da festa.
Trinta anos de bo facer
Estas festas de Nadal tamén coincidiron cun aniversario moi especial en Val do Dubra: os 30 anos de funcionamento da Escola Infantil Municipal. Tres décadas dedicadas á educación, o coidado e o acompañamento dos dubreses e dubresas nas primeiras etapas da súa infancia. Para conmemorar a efeméride por todo o alto celebrouse un emotivo acto institucional no auditorio municipal no que participaron familias, alumnos e alumnas, e, por suposto, o profesorado que pasou polo centro ao longo destes anos. Foi unha xornada de lembranzas compartidas e na que se proxectou un documental gravado especificamente para celebrar os 30 anos da Escola. No acto tivo tamén un papel protagonista o alumnado da Escola Municipal de Música, que puxo a nota musical a unha tarde emocionante e de celebración.















