As súas Maxestades de Oriente xa se albiscan polo horizonte, e os principais concellos da comarca preparan desfiles e recepcións para agasallalos… sempre que o tempo acompañe. Este é o caso de Lalín, onde percorrerán o casco urbano con cinco carrozas de luces o luns dende as 19.30 h., para recibir aos nenos na Aldea dos Reis Magos. Ademais, repartirán entre a rapazada e asistentes 500 quilos de caramelos sen glute mercados no comercio local.
En Ames visitarán as parroquias pola mañá, e o Milladoiro e Bertamiráns dende as 17.00 e 19.00 horas, respectivamente, rematando con festas nos pavillóns locais, con rosca e chocolate (tamén o luns).
Pola súa banda, dende o departamento de Cultura do Concello de Arzúa informan de que a esperada Cabalgata de Reis chegarán este luns ás 16.30 h. da tarde, primeiro nunha visita ás persoas maiores da Residencia San Xosé e, unha hora máis tarde, arrincará o desfile acompañado por un grupo de animación e por paxes a cabalo en colaboración coa Asociación O Estribo que conducirán o percorrido ata rematar no Multiusos Terra do Queixo, onde se fará a recepción e darán agasallos.
Celebracións
Do mesmo xeito, este luns, 5 de xaneiro, o Concello do Pino acollerá unha das xornadas máis esperadas do Nadal coa tradicional visita dos Reis Magos. Melchor, Gaspar e Baltasar percorrerán as parroquias do municipio e culminarán a súa visita coa recepción oficial no polideportivo municipal de Reboredo, ás 19.30 h. Este día tan especial completarase co Festival Sons de Reis, no que tres DJ –Compota, Toni Salvaje e David Expósito – e o grupo Nueva Fuerza animarán a gozar dende ás 20.30 h. ata a madrugada.
Un momento da San Silvestre celebrada en Padrón este Nadal / Concello
E para anticipar a súa chegada (luns, 17.00 h.), Padrón celebrou unha divertida San Silvestre con máis de 500 corredores.













