Numax ofrece pases especiais polo 50 aniversario de ‘Tiburón’
CINE. Numax conmemora o 50 aniversario de Tiburón coa proxección de pases especiais. O deste luns será ás 16.35h. Nunha vila costeira do Leste de Estados Unidos, un enorme tiburón branco ataca a varias persoas. Por temor aos nefastos efectos que podería ter sobre o negocio turístico, o alcalde négase a pechar as praias e a difundir a noticia. Pero un novo ataque remata coa vida dun bañista. Cando o terror se apodera de todos, un veterano cazador de tiburóns, un oceanógrafo e o xefe da policía local únense para tentar capturar o escualo.
Exposición de Xurxo Martiño na Galería Trinta
A Galería Trinta acolle a exposición Aproximación formal do artista Xurxo Martiño, unha proposta que explora os límites da forma a través dunha ollada precisa e sensible ao xesto e ao espazo. Nesta mostra, Martiño desprega unha serie de obras nas que a materia, a xeometría e a textura dialogan en equilibrio, dando lugar a composicións que convidan á contemplación pausada. Pode verse ata o venres 12 de setembro de 12.30h a 14.30h e de 17.30h a 21 h.
Exposición de Xurxo Martiño na Galería Trinta / cedida
Mostra conxunta de Manuel Quiñoy, Juan Silva e Manuel Blanco
POLÍGONO DO TAMBRE. Os artistas composteláns Juan Silva, Manuel Quiñoy e Manuel Blanco amosan os seus últimos traballos nunha mostra conxunta no Centro Empresarial do Tambre. A exposición inugurarase hoxe ás 20.00 horas e estará aberta ao público ata o 25 de setembro. Juan Silva presenta 16 cadros ao óleo e un carboncillo; Manuel Quiñoy expón unha vintena de óleos sobre lenzo; e Manuel Blanco amosará pinturas e cunchas e pratos con motivos do Camiño de Santiago. Poderá visitarse de luns a venres de 9h a 14h e de 16h a 20h.
Tenis de mesa e música folk na Semana Cultural
CONXO. Continúan as actividades da Semana Cultural de Conxo no centro sociocultural do barrio. Ás 17h celébrase un torneo de tenis de mesa co Club Tenis de Mesa de Conxo, que inclúe entrega de medallas e agasallos aos participantes. Ás 20h terá lugar a actuación de Meninos do Pandeiro, un proxecto de Xan Pérez e Carlos Quintá vinculado a Acentral Folque.













