O convento de Santo Antonio de Herbón (Padrón) acolleu a inauguración dunha nova edición do ciclo Espazos Sonoros, organizado pola área de Patrimonio da Deputación para poñer en valor a música antiga e o legado cultural e arquitectónico da provincia.
O II Concerto Intempestivo abriu un programa que se prolongará ata o 4 de outubro en diferentes espazos senlleiros do patrimonio provincial. Ademais do concerto, pola tarde tivo lugar unha visita ao conxunto conventual de Santo Antonio de Herbón e á igrexa románica de Santa María.
Na inauguración, o deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Penas, sinalou o obxectivo desta iniciativa: «poñer en valor o noso patrimonio e a música antiga, e tamén reflexionar sobre a necesaria retención do talento que temos para evitar que se vexa na obriga de emigrar a outros países para poder vivir da música».
Penas engadiu que Espazos Sonoros é «un festival cun selo de calidade, onde participan os mellores grupos do panorama musical internacional, e que aposta polo complemento de actividades arredor dese eixo central da música e do patrimonio».
O ciclo continuará percorrido polos concellos de Mañón (día 7); Outes (día 13), Muros (día 20), Toques (día 27), Curtis (día 28) e Ortigueira (4 de outubro).
















